A Xunta prevé comezar a finais de ano a rehabilitación do Pazo de Lourizán
O obxectivo do proxecto é facer deste lugar unha referencia forestal e hoteleira
A Xunta prevé comezar as obras para a rehabilitación do Pazo de Lourizán, en Pontevedra, a finais deste ano.
Nunha visita á propiedade co equipo de arquitectos que fará a remodelación, o presidente Alfonso Rueda defendeu que o obxectivo do proxecto é facer deste lugar unha referencia forestal e hoteleira.
Arrancan os traballos para darlle unha segunda vida para o pazo de Lourizán, propiedade de Montero Ríos e escenario de decisións políticas a principios do século XX, que tras anos abandonado vai recuperar o esplendor.
O obxectivo do proxecto gañador da reforma é recuperar o valor histórico do pazo e transformalo nun modelo de modernidade e ecoloxía.
"Ser arquitecto ten satisfacción de contribuír a facer memoria. Queremos converter isto nun xardín, nunha referencia cultural, nunha posibilidade de mil eventos", explicou Carme Pinós, arquitecta do proxecto de reforma.
Alfonso Rueda e os arquitectos analizaron sobre o terreo o potencial da propiedade. O edificio acollerá un hotel de 23 cuartos e espazos hostaleiros para os investigadores que traballan aquí, abertos tamén ao público. O presidente da Xunta asegura que é posible compatibilizar a actividade forestal co uso turístico.
"Nunca hai que perder de vista que Lourizán é unha referencia forestal, e iso hai que conservalo, e ao mesmo tempo sexa unha referencia da mellor hostalería. Agardo que a finais deste ano comecen as obras", dixo Rueda.
A Xunta prevé un orzamento inicial de 17 millóns de euros para a rehabilitación e nos próximos meses elaborará un plan de usos para esta segunda vida do pazo de Lourizán.