Atopan o corpo dun bebé nunha planta de tratamento de residuos de Valencia
O cadáver do meniño presentaba aínda o cordón umbilical

A Garda Civil informou este xoves do achado do corpo dun bebé nunha planta de tratamento de residuos de Valencia.
Foi na planta de reciclaxe de Guadassuar, un concello da Ribera Alta, na provincia de Valencia e a 38 quilómetros da capital. O cadáver do meniño presentaba aínda o cordón umbilical. Atopárono os operarios mentres traballaban nunha das cintas transportadoras.
A Policía Xudicial fíxose cargo da investigación, para tratar de esclarecer en que municipio puido ser depositado o corpo e tratar de localizar aos seus proxenitores.
Fontes coñecedoras do suceso informaron de que esta entulleira xestiona os residuos xerados no medio centenar de municipios das comarcas da Ribera Alta e Baixa, e que se investiga a hora aproximada á que puideron chegar os restos humanos para tratar de determinar con precisión a súa procedencia.
Esta planta trata entre 400 e 500 toneladas diarias de lixo, segundo consta na web do Consorcio de Residuos V5, da que forma parte.
Os primeiros datos indican que se trata dun parto moi recente. Nestes momentos estanse a realizar as primeiras dilixencias dás que se está a encargar a Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil comezando cunha investigación dos lugares onde se fixo a recollida dos colectores nas horas previas a este suceso.