Publicador de contidos

Publicador de contidos

O avogado de Hermoso: "Non estamos ante un consentimento, estamos ante un sometemento"

O avogado de Hermoso: "Non estamos ante un consentimento, estamos ante un sometemento"

A avogada de Rubiales sostén que Hermoso dixo "pois vale" ao bico, e iso é consentir

G24.gal 13/02/2025 16:25

Na Audiencia Nacional, o xuízo a Luis Rubiales polo bico a Jenni Hermoso entra na recta final.  Durante a presentación dos informes das defensas e da acusación, o avogado de Jenni Hermoso insistiu en que o bico non foi consentido e que a xogadora non puido esquivalo. Para a defensa de Rubiales, non foi acertado, pero non ve delito, e pide a absolución.

O avogado de Jennifer Hermoso expuxo que o expresidente da Federación de Fútbol Luis Rubiales xamais lle debeu dar un bico á xogadora, nin sequera aínda que lle pedise o seu consentimento, dada a súa superioridade xerárquica: "Non estamos ante un consentimento, estamos ante un sometemento".

Durante a lectura do seu informe definitivo, avogado Ángel Chavarría afirmou que "non hai ningunha proba que acredite" que Hermoso consentiu o bico que lle deu Rubiales "pola súa conta e risco, e de maneira sorpresiva". O expresidente federativo -recalcou- "ía consumalo en calquera caso", pois "non había posibilidade de escapar", dado que lle tiña suxeita a cabeza.

Aínda así, o avogado que exerce a acusación particular neste xuízo considerou que a petición do consentimento á que alude Rubiales e que o letrado negou que existise, "nin sequera debía producirse", dada "a dilixencia debida" que debeu ter como presidente da RFEF, segundo establece o protocolo fronte á violencia sexual aprobado pola Federación.

"Nunca debía pedir o consentimento, nin pasárselle pola cabeza" pedirllo "a unha persoa que xerarquicamente estaba por baixo e baixo as súas instrucións".

Especialmente incisiva foi a avogada de AFE, María José López, nas coaccións a Jennifer Hermoso que atribúe aos acusados, ao debullar todos os elementos que contribuíron "ao relato en favor de Luis Rubiales" e a que a xogadora claudicara.

Esta acusación popular sinalou que o expresidente "utilizou todos os mecanismos da Federación para lavar a súa imaxe e coaccionar á xogadora", ordenou aos outros acusados a que lle metesen presión a Jenni Hermoso, e relatou "toda unha posta en escena de presións exercida polos acusados, directores e xefes da subordinada".

A avogada de Rubiales sostén que Hermoso dixo "pois vale"

Pola súa parte a avogada de Luis Rubiales, Olga Tubau, defendeu que o "pois vale" que Jenni Hermoso dixo ás súas compañeiras de vestiario ao comentar o bico que lle deu o expresidente da Federación tras o Mundial de 2023 avala que consentiu e que, polo tanto, non houbo agresión sexual.

Olga Tubau confiou a defensa de Luis Rubiales a tratar de acreditar que Jennifer Hermoso consentiu a un bico ao que se referiu como unha "manifestación de alegría incontrolable", un "bico de amigo eufórico" que puido ser un erro, pero non un delito: "Estamos ante unha conduta inadecuada? Si. Delituosa? Non".

No seu informe final no xuízo onde o seu representado afronta unha petición de dous anos e medio de prisión, Olga Tubau baseou a súa tese absolutoria en "dúas probas": a pericial en lectura de beizos que concluíu que Rubiales lle pediu á xogadora "un biquiño" -e que non analizou a resposta de Jennifer Hermoso porque non se podía ver- e un vídeo das internacionais tras o partido comentando o bico.

A avogada defendeu que no devandito vídeo do vestiario, onde se vía "bo humor, alegría e certa euforia", alguén -a quen identificou como Laia Codina- preguntou: "Que dixeches?", e que Hermoso dixo: "Pois vale", e iso estaría "a avalar que houbo consentimento".

A fiscalía mantén a petición de dous anos e medio de cárcere para o expresidente da Federación Española de Fútbol por agresión sexual e coaccións. E un ano e medio para os outros tres acusados, un deles o exadestrador da selección Jorge Vilda. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade