Vilda falou co irmán de Hermoso por "vontade propia" e para frear o "impacto negativo" do bico de Rubiales
Vilda falou co irmán de Hermoso por "vontade propia" e para frear o "impacto negativo" do bico de Rubiales
O exseleccionador recoñece que informou a Rubiales e asegura que "igual tiña" que preguntarlle a Jenni como se atopaba tras o incidente
O exseleccionador Jorge Vilda asegurou este mércores no xuízo que se celebra na Audiencia Nacional que se achegou falar coa familia da xogadora Jennifer Hermoso por "vontade propia" e para tratar de frear o "impacto negativo" que desde o seu punto de vista podía ter o bico que Luis Rubiales dera á futbolista.
Así se expresou durante a súa declaración no xuízo que se segue tamén contra o que fora presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales, o exdirector de Márketing Rubén Rivera e o exdirector da Selección masculina Albert Luque.
Vilda, que afronta un ano e seis meses de cárcere por un presunto delito de coaccións, descartou que falase co irmán de Jenni, Rafael, e cun amigo da futbolista por indicación de Rubiales ou por temor a perder o seu posto de traballo. "Cando es campión do mundo sentes que conseguiches un grande éxito e sénteste bastante apoiado por todo para seguir como seleccionador", aclarou.
A preguntas da Fiscalía, Vilda asegurou que acudiu "por vontade propia e vendo a relevancia que estaba a coller todo arredor do bico, sobre todo a nivel mediático". "Empeceime a preocupar porque se estaba dando moita mais importancia ao que pasara e restando importancia ao grande éxito que conseguiramos", indicou.
Segundo Vilda, "como adestrador, cando ganas un campionato o baleiro é aínda maior e o que fas é pensar na seguinte competición". "Uns Xogos Olímpicos que me motivaban moitísimo, e pensaba que todo iso ía ter un impacto negativo nas miñas xogadoras. Pensei na maneira de poder levar a normalidade a unha selección que foi campioa do mundo", afirmou.
O exseleccionador recoñeceu que nese momento, o voo de volta a España, non viu "oportuno" achegarse a Hermoso, que estaba "na súa celebración" coas súas compañeiras. Foi mais tarde, durante a declaración da xogadora na vista oral, cando descubriu que a Hermoso lle doeu que o seu exadestrador non se preocupase polo seu estado de ánimo. "Igual tiña que preguntarlle como estaba", afirmou, aclarando que, tras ese incidente, non volveron falar.
Con quen si falou Vilda foi co irmán e un amigo de Hermoso, aos que preguntou "se viran o do bico". "El (o irmán de Jenni), acórdome moi ben desas palabras porque logo repetíronse moitas veces, táchao de anecdótico, dunha anécdota e de algo sen importancia", sostivo.
Nese momento instou a Rafael Hermoso a que se achegase á súa irmá para pedirlle que esta fixese "algún tipo de comunicación", unha "fórmula para normalizar a situación e que se falase do verdadeiramente importante", que era a vitoria no Mundial.
Vilda, que descartou contestar as acusacións, aseverou que o irmán accedeu a falar con ela, en contra do sostido polo propio Rafael e como así lle lembrou a fiscal Marta Durántez. "Non, iso é falso. El díxome que ía falar con ela", espetou o exseleccionador.
Aínda que acudiu a falar coa contorna de Hermoso por vontade propia, Vilda recoñeceu que se achegou a Rubiales para indicarlle que o irmán da xogadora accedera a achegarse a ela para tratar de convencela de gravar un vídeo.
Nese punto, a Fiscalía preguntou a Vilda se non era consciente do que estaba a vivir Jenni nese momento. "En ningún momento o presenciei nin ninguén mo dixo. Eu cando a vin coa cara pois un pouco cruzada, porque Jenni si que é verdade que é moi expresiva e coñézoa, o que pensaba é que todo o que estaba a ler en medios non lle estaba gustando, igual que a todos os demais", contestou.