Prorrogan a prisión preventiva para tres dos catro condenados polo crime de Samuel
Tras o recurso presentado polas defensas, que fai que non sexa firme aínda a sentenza, o tribunal decide que sigan no cárcere os tres considerados coautores do asasinato
![Os catro acusados considerados culpables durante a lectura do veredicto (EFE/Cabalar)](https://www.g24.gal/prog24/2024/20241124/acusados.jpg)
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña acordou prorrogar a prisión preventiva para tres dos catro mozos condenados pola agresión mortal a Samuel Luiz, na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés, e que se atopaban xa no cárcere desde os feitos.
Así o informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que explica que, unha vez interpostos os recursos de apelación contra a sentenza que condenou a penas de entre 10 e 24 anos de prisión a catro persoas, a Audiencia coruñesa, en base á Lei de Axuizamento Criminal, acorda prorrogar a prisión preventiva ata a metade da pena imposta para os tres xa no cárcere.
Faino ao non ser firme a sentenza ditada na causa e despois de que as defensas dos condenados formalizasen os seus recursos sen expor a nulidade da sentenza ou do xuízo e, por tanto, sen que expoñan a súa repetición.
Neles, ou ben rexeitan como o caso de Diego Montaña, quen iniciou a agresión mortal, que houbese intención de matar ou a súa participación ou no grao no que se atribuír aos seus clientes.
Tamén apuntan algúns ao feito de que non se tivesen en conta atenuantes alegadas como consumo de alcol e drogas. En prisión, xunto a Diego Montaña, están Alejandro Freire, e Kaio Amaral. En liberdade, con obrigación de comparecencias atópase Alejandro Míguez, a quen se lle impuxo unha pena menor como cómplice de asasinato.
Todo isto tras unha condena con penas que suman un total de 74 anos e medio de cárcere ao considerar o fallo, en base ao veredicto do Tribunal do Xurado, que tres son coautores de asasinato, uno cómplice e un a maiores autor do roubo do móbil da vítima, sen posibilidade por parte desta de defensa.