Rexistran tres vivendas na Coruña nun operativo contra o tráfico de drogas polo miúdo
Hai varias persoas detidas á espera de pasar a disposición xudicial
Moitos dos veciños do barrio da Sagrada Familia non queren falar do operativo policial. Din ter medo e, amais, aseguran, teñen que seguir convivindo con eles. Quen si o fai tampouco se atreve a dar moitos datos. "Contra as 7:45 h aquí había moita policía". "Escoitáronse golpes, supoño que sería para abrir a porta". "Neste barrio hai moita xente maior e teñen medo a falar".
Foi nun inmoble da rúa Sagrada Familia onde irromperon os axentes e no que, ao parecer, son habituais os conflitos. "Tiñan que vir máis veces. Fai falta unha boa limpeza". "Levaron un home detido".
Á vez os axentes realizaban outro rexistro nun inmoble da Agra do Orzán, moi próxima á rúa Barcelona. "Ás nove, máis ou menos, xa estaba a Policía Nacional. Dixeron que aparecera ás oito e que levaran unha persoa detida e unha caixa. Non sei máis. É todo o barrio. É toda A Coruña, concretamente".
É un problema que amola a veciñanza e, por iso, co operativo desta mañá, os axentes pretendían desartellar puntos de venda de drogas polo miúdo na cidade. Un dispositivo que se estendeu tamén ao barrio do Ventorrillo, concretamente a un inmoble da rúa Agra de Bragua, non moi lonxe das outras dúas vivendas inspeccionadas.
Os tres rexistros saldáronse con varias persoas detidas que arestora permanecen na comisaría de Lonzas da Policía Nacional á espera de pasaren a disposición xudicial.