Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prohiben ao profesor do Valadouro achegarse ás dúas alumnas que o denunciaron por agresión sexual

Prohiben ao profesor do Valadouro achegarse ás dúas alumnas que o denunciaron por agresión sexual

Este luns declarou no xulgado unha das denunciantes, de dezaseis anos

Imaxe de arquivo do investigando no seu paso a disposición xudicial en Mondoñedo o 23 de xaneiro. Europa Press/Carlos Castro. Imaxe de arquivo do investigando no seu paso a disposición xudicial en Mondoñedo o 23 de xaneiro. Europa Press/Carlos Castro.
G24.gal 10/02/2025 16:45

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Mondoñedo impúxolle novas medidas cautelares ao profesor de música detido no concello lucense do Valadouro como investigado por supostas agresións sexuais a alumnas e, ademais de retirarlle o pasaporte, obrígao a comparecer mensualmente en sede xudicial.

Segundo información facilitada por fontes próximas á investigación, de momento hai dúas denuncias presentadas contra o detido por esas supostas agresións sexuais, unha delas por parte dunha menor, de dezaseis anos.

Precisamente, a xuíza adoptou esta decisión despois de tomarlle declaración este luns á denunciante menor de idade.

Segundo a información facilitada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tras escoitar o testemuño da segunda vítima, o profesor de música pasa a estar investigado por dous delitos contra a liberdade sexual.

A primeira vítima, que agora xa é maior de idade, prestou declaración o pasado 23 de xaneiro en sede xudicial. Neste caso a xuíza tamén lle impuxo ao investigado as prohibicións de aproximarse ou de comunicarse coa menor por calquera medio.

O caso aínda está en fase de instrución, de modo que está previsto que se practiquen máis probas testemuñais, mentres se realizan outras periciais.

O sospeitoso é un home duns 35 anos de idade que lle daba clase música a unha trintena de alumnos no Valadouro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade