Sostibles, saudables e económicos, os legumes deben formar parte da dieta
O 10 febreiro celébrase o Día Mundial dos Legumes
Nos últimos anos descendeu un 70 % o seu consumo, malia ter moitos nutrientes
"Hai un día mundial para todo", ironiza un señor
Hai un día mundial para todo, pero non todos son tan importantes. Hoxe concienciámonos do necesarios que son os legumes.
"Estes últimos anos eu estou vendo nas miñas consultas que a xente cada vez, é un alimento está deixando un pouquiño atrás se está esquecendo de incluílo no seu día a día. É máis rápido tirar de alimentos ultraprocesados que dos legumes que levan un pouquiño máis de tempo elaboralos", explica Maite Duarte, nutricionista do centro Beladona
O consumo destes alimentos descendeu un 70 %, pese a que son fundamentais dentro da nosa dieta.
"O que máis facemos na casa é as lentellas que é o que mellor comen".
"A min gústame todo, as lentellas, as fabas, todo".
"A fabada que me gusta bastante, sobre todo se lle botan unhas ameixas, ou algo polo medio", comentan na rúa.
Ademais de ricos, son saudables.
"É unha achega boísima de proteína vexetal, sobre todo para esta xente que non quere incluír tanta carne na súa alimentación. Logo tamén axuda para baixar niveis de colesterol, o azucre en sangue, teñen moitísima fibra polo tanto tamén nos axuda a regular o estrinximento", apunta Maite.
É por iso que os expertos aconsellan comelos 3 ou 4 veces á semana. E non só durante o inverno.
"O máis común adoita ser de culler, pero no verán como ensalada veñen xenial", apunta a nutricionista.
E para os peques?
"Pois en hamburguesas, facer croquetas con legumes, snacks con legumes, á hora de sentar a ver unha película pois facer uns garavanzos no forno, na fritidora de aire con especias tipo snacks que tamén están moi ricos, que non se decaten", aconsella a experta.