Publicador de contidos

Publicador de contidos

Piden que se baleiren os depósitos de combustible dunha gasolineira precintada en Santiago

Piden que se baleiren os depósitos de combustible dunha gasolineira precintada en Santiago

A veciñanza de Brandía denuncia que hai 70.000 litros de carburante almacenado nunhas instalacións sen control nin mantemento

A estación de servizo nunca chegou a abrir, e de momento ten a licenza anulada por sentenza xudicial

O presidente da comunidade de veciños e o director dunha industria lindeira, diante da gasolineira precintada
G24.gal 10/02/2025 14:35

Á veciñanza de Brandía, en Santiago, preocúpalle unha gasolineira pechada. Nunca chegou a ter actividade pero -denuncian- en xullo de 2023 viñeron encher os depósitos de carburante. "Cremos que hai uns 70.000 litros de combustible, entre gasolina e gasóleo", afirma Fernando Tato, presidente da comunidade de veciños da urbanización Brandía.

Para el, hai "risco de explosión", porque moi preto da gasolineira pasan conducións de gas. Denuncia que hai menos de 10 metros de separación, "como prescribe a lei de hidrocarburos". E engade outro risco: a proximidade dunha industria papeleira "que ten unha planta coxeradora de gas de alta presión". E iso nunha urbanización con máis de 130 vivendas. 

A veciñanza opúxose dende o principio á instalación da gasolineira no barrio. As obras comezaron en 2022 pero aínda non remataron, no medio dun enredo xudicial aínda aberto. "Froito de todo o proceso administrativo e xudicial, paralizouse a licenza de apertura deste establecemento", di Pablo Beiroa, avogado da comunidade de veciños. "Non conta con licenza nin título habilitante para a posta en marcha", di, así que nunca houbo actividade. 

Ata que se resolvan as cousas, os veciños piden que -polo menos- se retire o carburante. Está almacenado -din -nunhas instalacións sen controlar. "É que aquí non hai ninguén controlando nin mantendo esta instalación" denuncia o director da Papeleira de Brandía, Gaspar Barreras. 

Non teñen contacto coa empresa titular das instalacións, así que escribiron ás administracións. Dende o Concello recolleron a queixa e enviaron un requirimento á consellería de Industria, a competente na materia. Iso foi, aclaran dende o concello, en xuño de 2024. De momento, a comunidade segue sen resposta, e baralla chegar a interpoñer demanda no contencioso para que se atendan as súas peticións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade