A Ribeira Sacra, finalista aos premios Mellor Destino Rural de España
É a única candidatura galega dos premios que convoca a revista National Geographic por terceiro ano consecutivo
Competirá con outras zonas como Olite, en Navarra, a comarca cordobesa Subbética ou Cidade Rodrigo, en Salamanca
A Ribeira Sacra converteuse nun dos destinos máis buscados pola súa autenticidade e tranquilidade. "A Ribeira Sacra é un destino xa consolidado", asegura Luis Fernández, alcalde de Sober e Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
Moitos dos que chegan a zona aínda veñen ás cegas. Oíron falar das marabillas da zona, pero cando a descobren: "Escoitan Ribeira Sacra pero tampouco chegan a imaxinar o que despois encontran aquí, quedan moi satisfeitos a verdade", explica Sandra Rodríguez que ten unha casa de turismo rural en Sober.
Visitar A Ribeira Sacra é unha experiencia para todos os sentidos. Un paraíso natural que se pode descubrir desde o río, camiñando polos seus sendeiros e miradoiros, visitando os seus templos e mosteiros ou a través dos seus caldos.
"Iniciativas privadas queren asentar os seus negocios no noso xeodestino, estamos medrando dun xeito equilibrado", engade Luis Fernández, do consorcio de Turismo.
Nos últimos cinco anos a zona dobrou o número de prazas para aloxarse e tamén cada vez hai máis oferta de actividades de aventura. "O dos quads está moi ben, ves a Ribeira Sacra doutra maneira, o que non podes ver desde o río ou desde o sendeiro. É unha ruta polo monte, polas fervenzas", explica a hostaleira Sandra Rodríguez.
A zona non para de sumar recoñecementos, este mesmo mes podería facerse co premio Mellor Destino Rural de España. "Que voten porque sería moi satisfactorio conseguir ese premio", asegura o alcalde de Sober.
Aínda que a vista está posta no 2026 cando podería ser declarada Patrimonio Mundial, o que sería o grande impulso a súa proxección turística.