Publicador de contidos

Publicador de contidos

Enoturismo na copa dos carballos de Boqueixón

Enoturismo na copa dos carballos de Boqueixón

A experiencia completa inclúe a hospedaxe na carballeira entre viñedos, catas e charlas 

Vista dos viñedos de Enoturismo María Manuela coas cabanas empolincadas aos carballos no fondo
G24.gal 06/02/2025 20:29 Última actualización 06/02/2025 20:42

A propietaria Nieves Millán introdúcenos en Enoturismo María Manuela, en Boqueixón, nome que, segundo nos explica, nace dos da súa nai María e da súa avoa Manuela, ás que honra este proxecto nunhas terrra herdadas delas.

Nin María nin Manuela tiveron viñas, pero as que foran as súas terras agora son viñedos. 14 anos de traballo están tras estas 8 hectáreas de Albariño en espaldeira na Ribeira do Ulla, a derradeira subzona da denominación Rías Baixas, do que están a comercializar a segunda colleita do ano 2023. Sete mil trescentas botellas que xa chegaron a toda Galicia e Madrid.

As terras de aquí son moi minerais. Moito ferro e moito cobre que a planta absorbe e fai que os viños teñan unha acidez máis equilibrada, cóntanos Nieves.

Curiosamente, a adega e os viñedos non formaban parte do proxecto inicial de abrir cabanas turísticas. Para poder abrilas tiñan que facer produción e transformación de produto no mesmo terreo. Así as cabanas salvaron da corta a carballeira. Funcionan desde 2020 con posibilidade de visitas guiadas, catas e degustación de produtos gastronómicos da zona.

Chamámoslles as cabanas que salvaron os carballos porque a idea inicial era facer unha segunda platación de albariño e unha fin de semana démoslle unha volta ao proxecto e pensamos que unhas cabanas aquí no medio da carballeira teñen que estar fantásticas, explica a promotora do proxecto.

O proxecto de enoturismo levou o Premio Juana de Vega de intervención paisaxística pola integración das terras herdadas das mulleres da familia, María e Manuela, que tanto traballaron estes terreos de Boqueixón. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade