Publicador de contidos

Publicador de contidos

Escasean os grelos no mercado e ata as conserveiras teñen falta del

Escasean os grelos no mercado e ata as conserveiras teñen falta del

Tamén se están acabando as reservas do ano pasado

G24.gal 05/02/2025 18:09 Última actualización 05/02/2025 20:05

Estes días estase a falar moito da escaseza do grelo, porque xa temos aí o Entroido, e o grelo non pode faltar. Se non o hai fresco, sempre hai a alternativa da lata. O problema é que tamén as conserveiras teñen dificultades para atopalo, e do ano pasado xa non queda moito no almacén..

Quedar sen grelos durante o mes de febreiro en Galicia non é unha opción. Ante a escaseza do fresco, aos consumidores non lles queda outra que tirar da lata. Pero ás empresas de conservas tampouco lles está resultando doado conseguilo.

 Luís de Lorenzo. Director de Conservas A Rosaleira comenta: "Estamos parados, levamos no mes de xaneiro fabricando catro días, como moito".

Esta campaña está a ser mala e súmase á do ano pasado, que tampouco foi boa, polo que non hai produto no almacén.

 "O habitual sería que fixeramos uns 100.000 quilos, e non sei se chegaríamos a uns 10.000 ou unha cousa así", comenta De Lorenzo.

Os primeiros que van notar a falta de produto son os puntos de venda.

 "É probable que si que o haxa, que haxa problema, porque hai problema en fresco e vai haber problema en conserva; de feito, quédanme soamente dous frasquiños agora mesmo, e si está un pouquiño máis demandado nesta época", di Dolores Sinde, propietaria da Tenda de Lola.

Está demandado porque a conserva é unha boa opción.

 "É unha alternativa saudable, moi cómoda e que non perde practicamente propiedades, só os antioxidantes, que tamén se perderían no proceso de cociñado", explica a nutricionista Amil López. Doutora en Farmacia e Nutricionista.

E o sabor, é o mesmo o fresco que o envasado?

"Non, non ten o mesmo sabor por unha cuestión moi simple. O grelo en conserva está moito tempo en auga, entón xa o grelo cando o coces natural colle moita auga e, se queres traballar con el para outras cousas, teslle que sacar bastante auga, e en conserva recolle máis aínda", explica Xan Galbán, propietario e cociñeiro do restaurante María Castaña.

Malia a escaseza destes meses, aínda hai esperanza de que se poida salvar a campaña do grelo que se planta tarde.

 "Nós ao mellor recuperamos stock e para o vindeiro ano si que teremos grelos en lata",  agarda Luís de Lorenzo, director de Conservas A Rosaleira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade