Pescados Rubén entra en concurso de acredores cunha oferta pola unidade produtiva
Debe aos 80 traballadores as nóminas dunha parte de decembro e xaneiro
A empresa de Foz Pescados Rubén entrará en fase de liquidación despois de que o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lugo aceptase a súa solicitude de concurso de acredores.
A firma anunciara a finais do ano pasado a súa difícil situación económica, alegando falta de liquidez para facer fronte aos pagos. O xerente cesado con este concurso, Manuel Blanco, asegurara en decembro que estaba a buscar unha saída rápida á crise e que había varios compradores interesados nas instalacións.
Despois de aceptar o concurso, o xulgado, que recoñece no auto a existencia dunha oferta pola unidade produtiva nomea a Rivera e Varela Concursal administradores da empresa para proceder á súa liquidación.
Pescados Rubén, comercializadora de peixe fresco, elaborado e conxelado, e que negocia en 40 países, foi fundada en 1964 polo matrimonio formado por Rubén e Cesarina. Co paso dos anos foise estendendo, desde a súa sede no polígono de Fazouro, ata ser un referente na comarca da Mariña.
A empresa pasou a mans dos tres fillos, sendo dirixida por Concepción Blanco, que foi relevada fai uns dous anos polo seu irmán. Nese momento a empresa chegara a facturar 43 millóns de euros.
A empresa ten un total de 80 operarios, aos que se lles deben xa o mes de xaneiro completo, o 18% de decembro e os días de febreiro transcorridos ata o momento.
Desde o comité de empresa confirmaron que solicitarán unha reunión coa dirección para que os informe da situación na que quedan e do futuro das instalacións, por se o comprador podería continuar coa produción.