Publicador de contidos
Publicador de contidos

Glovo cambia de modelo laboral e contratará os seus repartidores en España

Glovo cambia de modelo laboral e contratará os seus repartidores en España

A compañía abrirá unha mesa de diálogo cos axentes sociais para dotar de todas as garantías o proceso e asegurar que o cambio de operativa se desenvolva con consenso

Un repartidor de Glovo en bicicleta por unha rúa do centro de Madrid - (Alejandro Martínez Vélez/ Europa Press / Arquivo) Un repartidor de Glovo en bicicleta por unha rúa do centro de Madrid - (Alejandro Martínez Vélez/ Europa Press / Arquivo)
G24.gal 02/12/2024 09:47 Última actualización 02/12/2024 11:21

A tecnolóxica española Glovo decidiu impulsar un novo modelo en España que permitirá á compañía de 'delivery' operar con repartidores laborais no canto de traballadores autónomos, segundo anunciou este luns a compañía, que explica a súa decisión como parte do seu "firme compromiso con España e co impulso da economía dixital no país".

O cambio de modelo incluirá a totalidade de cidades nas que Glovo está dispoñible, que actualmente superan as 900, e aplicarase a todas as verticais da aplicación.

Neste sentido, a empresa asegurou que o seu novo modelo manterá en todo momento a experiencia de usuario e dos restaurantes e establecementos que colaboran coa aplicación en todo o país.

En paralelo, a compañía abrirá unha mesa de diálogo cos axentes sociais para dotar de todas as garantías o proceso e asegurar que o cambio de operativa se desenvolva con consenso. Este foro estará aberto ao resto de operadores do sector para que poidan realizar procesos de transición similares e sumarse aos acordos alcanzados.

Yolanda Díaz celebra que Glovo contrate aos seus repartidores

A vicepresidenta segunda e ministra española de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, celebrou hoxe como unha vitoria para a "democracia" que a plataforma de entregas a domicilio Glovo anunciase que realizará contratos laborais aos seus repartidores autónomos.

"Ningunha empresa, por grande que sexa, por moito poder que teña, ningunha gran tecnolóxica pode impoñerse á democracia. Hoxe gañou a democracia no noso país. Por fin, a empresa Glovo vai regularizar a máis de 60.000 repartidores", dixo Díaz á prensa á súa chegada a un consello de Emprego a Bruxelas.

A compañía tomou esta decisión tras estar durante anos no punto de mira pola súa utilización da figura dos autónomos, que levou mesmo a un xuíz de Barcelona a investigar se vulnerou os dereitos dos seus traballadores. "É o movemento afiliativo máis importante da historia de España, realizado pola inspección de traballo", agregou a ministra.

Díaz lembrou que España, ademais de aprobar a "lei Rider" a nivel nacional, impulsou a negociación na Unión Europea dunha directiva nese sentido, e subliñou que un mozo que transita "en bicicleta cun teléfono na man, nunha cidade calquera do mundo, en Nova York, en Madrid, en Vigo, en Bruxelas, en Berlín ou onde fóra, non era un emprendedor".

"O principio de legalidade imponse e por fin, insisto, esta empresa vai regularizar e cumprir coas súas obrigacións. Vai ser unha regularización, unha recadación por un importe de 267 millóns de euros e aparte o custo das sancións. Pero o importante, insisto, é que por fin van ser laborais estas persoas no noso país", engadiu.

A ministra de Emprego engadiu que se ese cambio é posible en España tamén o é no conxunto de Europa e para outras empresas tecnolóxicas. En canto ó proceso penal aberto contra os directivos de Glovo, Díaz sinalou que este segue o seu curso e resolverano "os tribunais".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade