Máis de 50 mortos ao caer un autobús desde unha ponte en Guatemala
Unhas 20 persoas resultaron feridas, a maioría en estado crítico
O vehículo perdeu o control dos freos e chocou contra dous coches antes de caer, segundo os bombeiros
O presidente declarou loito nacional e mobilizou o Exército para os labores de rescate
![Labores de rescate onde caeu o autobús en Guatemala. REUTERS / Cristina Chiquin](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250210/REUTERS-accidente-bus-cae-dunha-ponte-guatemala-ponte-belice.png)
Máis de 50 persoas faleceron nun autobús que caeu por unha ponte ao norte da Cidade de Guatemala na madrugada deste luns. Segundo informou unha fonte dos equipos de rescate, unhas 20 persoas resultaron feridas.
"Un dato preliminar que podemos dar ata este momento é de 51 persoas falecidas", dixo Leandro Amado, un portavoz do Corpo de Bombeiros Voluntarios de Guatemala, quen detallou ademais que hai "aproximadamente 20 feridos, a maioría en estado crítico".
O bus interurbano caeu a madrugada deste luns pola ponte de Belice, ao norte da Cidade de Guatemala, quedando parcialmente mergullado nun río. As autoridades estiman que entre os falecidos hai menores de idade, aínda que non hai máis detalles ao respecto.
Nun principio, informouse de que o autobús, con máis de 30 anos de antigüidade, transportaba uns 50 pasaxeiros, pero as autoridades guatemaltecas admitiron que non hai cifras oficiais da cantidade total de viaxeiros a bordo.
Carlos Hernández, portavoz dos bombeiros municipais, explicou que o autobús perdeu o control dos freos e chocou contra outros dous automóbiles, impactando así no "valo metálico da beira da estrada e segue de longo ata caer á fondeira, onde se atopa o río de augas negras", polo que quedou "totalmente envorcado".
O presidente de Guatemala, Bernando Arévalo, lamentou este luns o accidente do bus á vez que mobilizou o Exército e a Coordinadora Nacional para a Redución de Desastres (CONRED) ata a zona para axudar cos labores de rescate. Tamén declarou "loito nacional".
La tragedia en el Puente Belice es un dolor nacional que lamento profundamente. Me solidarizo con las familias de las víctimas que hoy amanecen con una noticia desgarradora. Su dolor es mi dolor.
— Bernardo Arévalo (@BArevalodeLeon) February 10, 2025
Como presidente, he instruido movilizar al personal del Ejército Nacional y a la…
"A traxedia na Ponte Belice é unha dor nacional que lamento profundamente. Solidarízome coas familias das vítimas que hoxe amencen cunha noticia desgarradora. A súa dor é a miña dor", escribiu na rede social X o presidente guatemalteco.
"Como presidente, instruín mobilizar persoal do Exército Nacional e á CONRED a asistir no lugar e activar criterios especiais de atención médica aos feridos. Ademais, decidín decretar loito nacional, o cal axiña será formalizado vía acordo gobernamental", agrega a publicación.
Os corpos de socorro continúan cos labores de rescate.