Un escalador vigués de 47 anos falece nun accidente de montaña en León
Iago Melón morreu no mesmo lugar no que perdeu a vida o seu pai hai anos
Outros dous montañeiros foron rescatados en Pena Ubiña por mor do mal tempo
O escalador vigués Iago Melón, de 47 anos, faleceu na tarde deste sábado nun accidente de montaña en Pena Ubiña, no concello leonés de San Emiliano. Nese mesmo lugar, morrera o seu pai anos antes.
Segundo informa o Centro Coordinador de Emerxencias (CCE) da Xunta de Castela e León, o deportista sufriu unha caída na vía coñecida como "corredor do Pilar", na suba ao pico desde Torrebarrio, e quedou inconsciente.
A Garda Civil enviou un equipo de rescate á zona para recuperar o corpo e facerse cargo dos trámites xudiciais. A escasa visibilidade, por mor da néboa, dificultou a operación que se prolongou durante varias horas.
Segundo a Subdelegación do Goberno en León, o home precipitouse dende uns cen metros de altura cando practicaba alpinismo e quedou nunha zona de difícil acceso. Mediante unha manobra de heligruaxe, un dos rescatadores logrou chegar ata a vítima para poder evacuala por aire.
![Momento no que tentaban recuperar o corpo do falecido](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250209/FORTA20250209039_frame_2165.1739127419.25.png)
Dous rescatados
Tamén en Peña Ubiña, unha hora máis tarde, o equipo da Garda Civil tivo que rescatar outros dous montañeiros que facían o ascenso pola vía "elixir da sorte". Por mor da mala meteoroloxía, con precipitacións de neve e baixas temperaturas, quedaran atrapados e non podían continuar.
O equipo da Garda Civil que permanecía na zona encargouse do rescate que, desta volta, tivo que ser por terra, co apoio dos Bombeiros do Principado de Asturias. Ás 6:00 da mañá do domingo, e tras varias avalanchas, chegaron a Torrebarrio cos alpinistas ilesos.