A veciñanza de Mugardos denuncia os perigos dun rabaño de cabras sen control
A veciñanza afirma que a propietaria as deixa soltas porque non ten espazo para elas
Piden precaución aos condutores que transiten por este treito da AC-133 cara a Mugardos, como na AC-123 dirección Ares
Un rabaño sen control dálles moitas dores de cabeza á veciñanza de Franza, en Mugardos. Os agricultores da bisbarra quéixanse porque lle estragan os cultivos mentres que os condutores temen chocar con algunha delas. Alertan dos diferentes perigos de que as cabras anden soltas pola estrada. Piden precaución aos condutores que transiten por este treito da AC-133 cara a Mugardos, como na AC-123 dirección Ares.
Hai cousa dun ano xa aconteceu un sinistro e os veciños afirman que todas as tardes reciben avisos de que as cabras están pondo en perigo a seguridade viaria. Pola parte agricultora, este sector denuncia que os animais estraguen continuamente os seus cultivos ao entrar nas súas leiras e propiedades.
O conflito iniciouse hai tres anos, cando o rabaño se empezou a multiplicar sen control. Daquela, os animais rondaban os 50 e hoxe en día superan as 100 cabezas de gando. A veciñanza afirma que a propietaria déixaas soltas porque non ten espazo para elas.
Este xoves hai sinalado un xuízo contra a dona por un suposto delito de ameazas. A esa denuncia, di a Policía Local, súmanse outras de tráfico, por estes riscos contra a seguridade viaria que causan as cabras soltas aquí. Os veciños temen que un día haxa unha desgraza.