Ultiman os preparativos da singular procesión dos Farois da Xironda
As veciñas recuperaron esta tradición hai máis de 25 anos
Adaptándose aos tempos, sustituíron as candeas por lámpadas e baterías
Os farois da Xironda xa están listos para alumear a procesión do Xoves Santo.
"Este é o pequeno taller onde temos os farois, uns xa feitos, aos que lles hai que facer algunha reparada, e outros que se fan de novo", explica Mari Carmen Palomanes, veciña da Xironda.
As mulleres da aldea recuperaron esta antiga tradición hai xa máis de 25 anos, asesoradas polos máis maiores.
"Facíanse con vergas de salgueiro e con silvas longas, quitándolle as espiñas. E barrábanse con fariña e auga. E unha candea, que ás veces había que escapar porque ardía todo", comentan María Fernández e Sindo Vaz, veciños da aldea.
Co paso dos anos fóronse adaptando aos tempos. Substituíron os papeis por teas e as candeas por lámpadas e baterías.
"Eu púxenlle de moto, para que alumee máis, así que faille falta unha batería grande", di Sindo.
Saen máis de medio cento de farois. Tamén procuran que cada ano haxa algunha nova incorporación, coma esta Sábana Santa.
"Antigamente contaban os maiores que a xentiña viña das aldeas dos arredores, ao alto da serra, para miraren a procesión", asegura María, orgullosa.
Só agardan que o tempo lles permita luciren todo o esplendor dos farois na noite escura da Raia con Portugal.