Sanidade e a Fiscalía impulsan un plan de medidas para avanzar a un sistema sanitario seguro
Reforzarase a vixilancia, axilizaranse as denuncias e promoveranse campañas de sensibilización dirixidas a toda a sociedade
As agresións a profesionais sanitarios van en aumento. Os datos da Consellería de Sanidade recollen medio cento de denuncias o pasado ano. Pero poden ser máis porque non todas acaban ante a xustiza. A Fiscalía vai axilizar a tramitación dos procesos e das sancións, pero pide a colaboración dos sanitarios. "É fundamental promover a denuncia. É necesario para a tramitación sexa coherente e rápida", pide Fernando Suanzes, fiscal superior de Galicia.
É o primeiro paso dun completo plan de medidas que se vai artellar a través dun grupo de traballo que impulsa a Consellería de Sanidade no que tamén participarán os profesionais sanitarios. Reforzarase a vixilancia nos servizos de urxencias e actualizaranse os protocolos que existen para atender situacións como a que hai uns días deixaban no Complexo Hospitalario da Coruña, un enfermeiro acoitelado e un vixilante ferido.
"Queremos ter a perspectiva de todas as partes implicadas para sacar unhas medidas obxectivas que permitan atallar o problema o antes posible", explica Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade.
Son demandas que o colectivo está reclamando con mobilizacións nas distintas áreas sanitarias para reclamar un ámbito de traballo seguro.