Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro acusados por secuestro na Coruña aceptan case catro anos de cadea

Catro acusados por secuestro na Coruña aceptan case catro anos de cadea

O outro investigado quedou absolto

Os acusados aboaron conxuntamente unha indemnización de 2.250 euros á vítima

G24.gal 10/02/2025 14:13

Os  acusados son cinco, tres homes e dúas mulleres. Segundo o escrito de acusación, o 10 de xuño de 2020, contra as once da noite, nas inmediacións do aparcadoiro do centro cívico da Sardiñeira, na Coruña, nunha acción conxunta por unha débeda económica agrediron un home ao que lle propinaron varias puñadas, mesmo unha das investigadas chegou a golpealo cunha tubaxe de cobre ou similar.

Despois introducírono contra a súa vontade nun coche e levárono a un descampado na Zapateira onde, tras golpealo de novo, mandáronlle espirse e alí o deixaron abandonado levando con eles a súa roupa, o calzado e tamén o teléfono móbil.

Por todos estes delitos, as acusacións pública e particular pedían para un dos acusados, por reincidencia, 7 anos e 3 meses de cadea. Porén, na vista retiráronlle as acusacións por un erro de identificación e quedou absolto.

"Nós sostivemos ao longo de toda a instrución que o meu representado non estaba. Houbo na instrución algunhas carencias; non houbo un recoñecemento fotográfico", explica o avogado da defensa, Diego Reboredo.

Os outros catros enfrontábanse a unha pena de 6 anos e 9 meses de cadea que, tras recoñecerse autores criminalmente responsables, quedou rebaixada a 3 anos e 9 meses de prisión, e suspendida durante tres anos en que non poden volver delinquir para non ter que entrar no cárcere. No caso contrario, si terían que cumprir a condena íntegra.

"Quixeron recoñecerse culpables e dáselles unha suspensión de condena a todos eles porque non teñen antecedentes computables por este tipo de feitos. Foron condenados por un delito de detención ilegal e roubo con violencia e intimidación", di Rubén Veiga, avogado da defensa.

Antes de asinar o acordo, os acusados aboaron conxuntamente unha indemnización de 2.250 euros á vítima. A sentenza foi declarada firme.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade