Rouban na casa dunha muller do Rosal cando os fillos estaban a enterrala
A familia pide axuda para atopar aos ladróns e poder recuperar recordos de toda unha vida
Unha familia do Rosal compartiu a súa dor e pide axuda para que aparezan os ladróns que roubaron na casa da nai cando a estaban velando.
Como di unha veciña "é vergoñento que se aproveiten así dunha situación. É unha familia marabillosa, bos veciños, boa familia. Eu non podo dicir outra cousa. Dáme moita mágoa, sinceramente, porque están vivindo unha desgraza despois de outra".
Sospeitan que os ladróns poderían ser veciños ou coñecedores da zona, porque ao saír da igrexa a casa da nai estaba intacta, pero ao día seguinte, cando os irmáns entraron nela, atoparon que a porta estaba rebentada. Malia que tiña un marco de seguridade rompérono, e con extremada violencia remexeron todo e levaron cartos, xoias e moitas pertenzas da casa.
"Non podo imaxinar que ninguén dos nosos veciños puidese facer semellante cousa a esta familia, que nos coñecemos todos, que isto non deixa de ser un pobo pequeniño, eu quero pensar que non", conta a veciña.
A familia, que é moi coñecida e querida no lugar de Pancenteo, pediu axuda para dar cos autores do roubo. Amais do loito pola morte da nai cargan con peso da impotencia polo roubo dos recordos de toda unha vida.