Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fartos de vivir desconectados de Internet a poucos metros do centro de Vilagarcía

Fartos de vivir desconectados de Internet a poucos metros do centro de Vilagarcía

A fibra non chegou a toda a parroquia de Sobradelo e o ADSL "falla ou vai lentísimo" 

Piden solucións porque "non poden traballar nin estudar desde a casa"

G24.gal 10/02/2025 13:43

Viven a poucos metros do centro de Vilagarcía, pero conectarse a Internet é toda unha odisea nunhas cen vivendas da parroquia de Sobradelo.

"Se queres facer un traballo para a escola, é imposible, tes que ir á casa de alguén que viva noutra rúa. Tampouco podes acceder a plataformas ou ver unha película", di un mozo da zona.

"O problema está en varias rúas da parroquia de Sobradelo, mesmo na avenida de Cambados, que é unha arteria principal do Concello, a man impar de Vilagarcía a Cambados está sen fibra", explica Víctor Vázquez, voceiro da asociación de veciños Outeiro de Sobradelo.

Explican que estas rúas estaban nos plans de implantación de fibra óptica en zonas brancas, pero as obras remataron en 2024 e aquí, seguen vendo todo negro.

"Segundo nos din nas compañías de fibra, había un presuposto para poñer a fibra e xa se esgotou. Nós quedamos fóra, non sabemos o motivo e tampouco temos previsión de que o vaian arranxar", engade o voceiro veciñal.

O problema é especialmente grave en casos como o dun veciño, que precisa unha conexión estable porque teletraballa desde a casa.

"A conexión é vella e inestable, non invisten en mellorala e non sabemos se realmente ao final nos van poñer a fibra nesta zona. Din que é rural, pero estamos a 500 metros da estrada xeral de Vilagarcía", explica este enxeñeiro informático.

Din que o ADSL e a wifi ou van moi lentos ou directamente non van, sobre todo se vai mal tempo. Denuncian que nin as compañías nin as administracións lles dan unha solución. 

"Os técnicos veñen, e probamos diferentes routers, fixemos de todo, pero non dá".

"De feito a caixa do ADSL queimouse hai semanas cunha treboada e xa non o repoñen porque os están eliminando. Remítennos a repetidores moi afastados, mesmo da zona de Bueu", destaca o voceiro da asociación veciñal.

Cren que as compañías priorizan as zonas máis habitadas para ter maior volume de negocio, pero eles pagan o mesmo ou máis por un servizo que, segundo aseguran, non funciona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade