A Xunta incrementa un 20 % o gasto en investigación e innovación ata os 1.310 millóns nos próximos tres anos
A Xunta incrementa un 20 % o gasto en investigación e innovación ata os 1.310 millóns nos próximos tres anos
O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 vaise centrar en potenciar tres sectores: a biotecnoloxía, a intelixencia artificial e cuántica e as tecnoloxías limpas
A Xunta creará unha fundación para captar investigadores dentro do novo plan
O Consello autoriza a licitación da nova campaña que promoverá a Galicia como "destino acolledor", á que destinará 6,9 millóns de euros
O Consello da Xunta aprobou este luns o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, que estará dotado de 1.310 millóns de euros, cun incremento dun 20 % do orzamento respecto ao anterior.
Este plan, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vaise centrar en potenciar tres sectores: a biotecnoloxía, a intelixencia artificial e cuántica e as tecnoloxías limpas.
Un dos obxectivos será dar prioridade a captación de talento, e para iso vaise crear unha nova fundación pública para contratar a investigadores de todo o mundo, explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez.
Tamén está entre os fins principais deste plan que os resultados das investigacións cheguen a sociedade. A estratexia inclúe ademais un programa para promover o nacemento de empresas a partir de avances científicos e o impulso de plans locais de I+D+i.
Débeda da administración galega
Amais, o Consello da Xunta tamén avaliou un informe sobre o comportamento da débeda da administración Galega. Segundo ese informe os datos amosan que Galicia reduciu a súa débeda en 233 millóns de euros no ano 2024.
Deste xeito a previsión da Xunta é pechar o ano cunha ratio débeda respecto ao PIB do 14,5 % e pechar 2025 sen novo endebedamento por segundo ano consecutivo.
A repotenciación de parques eólicos permitirá reducir de 361 a 75 os aeroxeradores
O Consello tamén deu este luns luz verde ás previsións de repotenciación de parques eólicos, que prevén a redución dun total de 286 aeroxeradores, ao pasar dos 361 actuais existentes en Galicia a 75.
Destacouno este luns o presidente da Xunta, quen destacou que esta repotenciación e redución do número de aeroxeradores levará a cabo sen baixar a produción enerxética.
Rueda, que lembrou a recente aprobación do plan eólico, destacou que hoxe, case o 45 % da enerxía que se produce en Galicia ten unha orixe renovable.
Axudas de 2.000 a 35.000 euros para a dixitalización do pequeno comercio
O Goberno galego deu tamén luz verde a unha convocatoria única de axudas, que oscilarán entre os 2.000 e os 35.000 euros, para fomentar a dixitalización e a sustentabilidade ambiental dos pequenos comercios e o tecido artesanal.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trátase de reunir nun soa tres liñas de subvencións que ata o de agora ían por separado. Todas elas suman case 4 millóns de euros e sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 14 de febreiro.
A axuda máis cuantiosa, que poderá alcanzar os 35.000 euros, será para financiar a dixitalización do pequeno comercio. En concreto, poderase subvencionar a creación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, sistemas de autopago 'en liña' e a xestión de redes sociais --incluída a contratación dun 'community manager'--, entre outras.
A segunda liña, con contías de ata 19.400 euros, estará destinada a modernizar o comercio desde o punto de vista das infraestruturas. Así, serán subvencionables as reformas de locais, a redacción de proxectos de interiorismo e outras accións para mellorar a eficiencia enerxética.
Campaña de promoción turística de Galicia
A Xunta tamén aprobou este luns unha achega de case 7 millóns de euros para a campaña turística de Galicia como destino acolledor. Esta semana o presidente Rueda viaxará a Roma para asinar un convenio para a promocionar o Camiño de Santiago na rexión italiana do Lazio, que tamén conta cunha ruta de peregrinación.