Hixiene do sono contra o insomnio e o consumo de psicofármacos para durmir
O número de insomnes duplicouse nas últimas dúas décadas e xa chega ao 14 % da poboación
Durmir mal ten repercusións no organismo e tamén nos procesos cognitivos
A hixiene do sono depende dunha rutina diaria e de evitar distraccións como as pantallas
En España dórmese mal e en Galicia, cun fuso horario que fai que no verán sexa de noite máis tarde que no resto da península, a situación é peor. Por iso, uns trescentos especialistas asistiron en Compostela á xuntanza anual da Sociedade Española do Sono para coñecer as últimas investigacións sobre o mal durmir.
"Temos os horarios para traballar europeos, pero logo temos os horarios da vida social máis nosos. Iso ás veces chocan e estamos máis tempo no lecer que durmindo e igual temos que mudar un pouco todo", sinala Ainoa Álvarez, presidenta da Asociación Española do Sono.
En España hai un 14 % de persoas que sofren insomnio, cifra que se duplicou nas últimas dúas décadas. E non durmir ou durmir mal ten consecuencias para o organismo e tamén cognitivas.
"A falla de sono vai repercutir facendo que esteamos máis irascibles, sexamos máis lentos no procesamento de tarefas cognitivas, é dicir, vai ser unha situación pouco desexable", comenta José Luis Relova, xefe do servizo de neurofisioloxía do complexo hospitalario universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Hixiene do sono
Manter una hixiene de sono, cunha rutina de ir para a cama á mesma hora, evitar ceas copiosas e usar pantallas no dormitorio, é fundamental, especialmente entre a xente moza.
"Toda a tecnoloxía que nos rodea non facilita o sono. Cantos nenos están ata as tantas da noite xogado cos móbiles, coas tabletas?", lembra o xefe do servizo de neurofisioloxía do CHUS.
España é un dos países con máis consumo de psicofármacos para tentar dominar o sono, cuestión que preocupa aos especialistas.
"Temos que quitar ese pensamento da cabeza de que ten que haber unha pílula máxica que arranxe todos os problemas. Nós tamén temos que poñer da nosa parte", conclúe a presidenta da Asociación Española do Sono, Ainoa Álvarez.
Durmir mellor pasa polos avances na investigación pero tamén depende de cada un de nós.