Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un sono reparador permite ao corpo e ao cerebro recuperarse do estrés diario

Un sono reparador permite ao corpo e ao cerebro recuperarse do estrés diario

Durmir ben é sinónimo de saúde

Un 30 % da poboación sufrirá de insomnio nalgún momento da súa vida

O 85 % dos adolescentes dormen menos do recomendado

Os expertos aconsellan de media durmir entre 7 e 8 horas
G24.gal 24/04/2025 14:59

"Se dormes ben, como Deus manda, o corpo érguese con máis ánimo".

"Cando non durmo as horas que teño durmir boto o día cansado, vaia", comentan na rúa.

A calidade e as horas de sono inflúen directamente na saúde tanto física como mental. Non se pode prescindir del e dende logo non é unha perda de tempo. O correcto funcionamento do corpo e tamén do cerebro pasa por un descanso de entre 7 e 8 horas diarias. Como non somos todos iguais cadaquén sabe canto precisa.

 "Se eu esperto cun sono que non é reparador síntome canso, iso está indicando claramente que o sono non foi dabondo para recargar as pilas", apunta José Luis Relova Quinteiro, xefe de servizo en Neurofisioloxía Clínica no CHUS.

Calcúlase que un 30 % da poboación sufrirá de insomnio, unha doenza que pode chegar a cronificarse se non se fai por ter unha boa hixiene do sono.

 "Os horarios regulares son moi importantes, o durmir nun cuarto que non teña excesivo ruído, que non teña iluminación, que non haxa demasiada temperatura", continúa o doutor Relova.

Tampouco debemos comer xusto antes de durmir, nin facer exercicio, nin tomar estimulantes. Son medidas que poden axudar a reducir os fármacos. Todos estes aspectos se van abordar estes días en Santiago nunha xuntanza á que van asistir máis de 300 profesionais. Un dos temas que preocupa é a falta de descanso durante a adolescencia. Un 85 por cento dorme menos do recomendado.

"Teñen a tendencia a querer durmir máis tarde do normal, a levantarse tamén máis tarde entón convértense en mouchos", explica Carla Pía Martínez, neurofisióloga clínica no Hospital Universitario de Áraba.

Pero as clases comezan cedo. Por iso consideran que os horarios dos institutos deberían acomodarse ás súas necesidades ou cando menos que as primeiras horas fosen de actividade física para obter un mellor rendemento académico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade