Preocupacións familiares e estrés laboral figuran entre os motivos da falta de sono
Preocupacións familiares e estrés laboral figuran entre os motivos da falta de sono
Escoitar música, buscar unha actividade relaxante antes de ir para a cama ou cear moi cedo poden axudar a durmir
Poida que haxa tantas persoas como razóns polas que sexa difícil conciliar o sono, pero o certo é que hai pautas que se repiten.
"Traballo a quendas e durmir de día e logo pola noite. Tamén os problemas e a ansiedade". "Teño un bebé que me quita horas de durmir, pero hai que entender que é con todo o amor e que non é adrede".
A outros semella que nada lles quita o sono.
"Eu durmo bastante ben, oito horas e perfecto". "A min no particular non me preocupa, pero teño unha filla de algo máis de 40 anos e ten que tomar pastillas algunhas veces".
Mesmo os factores de xénero teñen a súa relevancia cando de durmir ben se trata.
"Desde que teño a menopausa xa non sei o que é durmir. Antes durmía moi ben, pero agora durmo bastante mal. Só tres ou catro horas".
E cando non se descansa pola noite, hai quen mira de botar man de remedios.
"Eu practico ioga e encántame. Para iso recoméndoo totalmente". "Eu escoito música tranquilamente". "Déitome cedo e practico o xaxún intermitente. Eu a partir das sete ou oito da tarde xa non como nada e a min iso si que me axuda".
Porque gozar dun sono equilibrado mellora a saúde e, polo tanto, a calidade de vida.