Se un neno non quere comer é mellor non insistirlle
O gastroenterólogo Alfonso Solar recoméndalles aos pais unha retirada neutral
Foi un dos consellos que se scoitaron na reunión anual dos pediatras de atención primaria de Galicia
Entre un 1,5 e un 5 % dos menores de seis anos sans teñen dificultades á mesa. Non lles interesa a comida ou aceptan menos de dez alimentos ou teñen medo a comer. O gastroenterólogo Alfonso Solar recoméndalles aos pais non enfadarse.
"Non pasa nada. Hoxe non comiches, pode ser que non teñas ganas, pode ser que o que hai hoxe non é un prato apetecible para ti, iso pásanos a todos. Non vai ocorrer nada. A insistencia non vai producir mellor efecto", asegura o especialista.
É un dos consellos lanzados na reunión anual de pediatras de atención primaria de Galicia, que tratou tamén, entre outros problemas, do impacto do uso das pantallas nos pequenos: desde a perda de habilidades ás presións estéticas e ao acoso.
O psicólogo clínico Francisco Villar afirma que é unha loita fácil de gañar, que os pais só teñen que impedir que os seus fillos accedan a elas antes de tempo.
"Temos que facerlles caso aos pediatras. Se nos din que antes dos seis anos ningún neno debe ter acceso a pantallas, debemos facerlles caso. Se nos din que antes dos dezaseis anos un neno non debe ter acceso a un teléfono móbil, facerlles caso. Son os que coidan os nosos fillos, os que máis saben deles", subliña o psicólogo clínico e coordinador do programa de atención a condutas suicidas do hospital Sant Joan de Déu de Barcelona.
Os pediatras de atención primaria alertan de que en España hai máis de 1,9 millóns de nenos sen pediatra asignado. Debido ao número de prazas vacantes, téñenos que atender entre o resto de pediatras con cotas xa completas ou sobredimensionadas.
"Realmente, aquí en Galicia temos unhas cotas bastante ben dimensionados pola falta de natalidade. O problema é que hai que dobrar cotas moito tempo porque falta cobertura", precisa a presidenta da Asociación Galega de Pediatras de Atención Primaria.
Os pediatras de atención primaria demandan unha mellor planificación e condicións mellores para os profesionais.