Un queixo azul galego convértese en embaixador dos queixos españois no mundo
O Savel da queixería Airas Moniz de Chantada será o referente que vai levar o ICEX ás feiras internacionais
Concedéronlle o súper ouro dos premios Champion Gold
Os queixos artesanais de Airas Moniz suman premios desde que empezaron a producirse. Entre os últimos, o súper ouro da Champion Gold que recaeu hai só uns días no arquirrecoñecido Savel, o seu azul.
"Que un queixo de Galicia, de aquí, da Ribeira Sacra, de Chantada, sexa o referente que vai levar o ICEX por todo o mundo, por todas as feiras, como queixo español é algo que nos enche de orgullo", subliña Xesús Mazaira, copropietario da queixería.
Dinnos na queixería que detrás hai moito traballo, moito cariño e sobre todo unha boa materia prima. Neste caso o leite das súas vacas Jersey, que comen nos seus pastos.
"Ter un bo leite é fundamental. Se non tes unha boa materia prima é moi difícil", insiste Ana Vázquez Márquez, copropietaria da queixería.
Para quen aínda non tivo ocasión de probar o Savel, preguntámoslles aos pais da criatura como é ese azul untuoso.
"Un queixo que se funde moi ben na boca, que inicialmente parece que vai ter unha suba impresionante e non é así. Ten un longo percorrido en boca no que se poden ir sacando matices, por exemplo a froitos secos", explica Ana Vázquez Márquez.
Os premios danlle pulo á queixería pero a intención dos seus propietarios non é medrar moito máis. Queren diferenciarse pola calidade e a volta ao xeito tradicional de producir, o obxectivo polo que naceu o seu proxecto.
"O que estabamos vendo é que todo o mundo estaba marchando ás cidades e ao estranxeiro. Esta zona estábase quedando despoboada e o que queriamos era demostrar que se podía vivir do campo e dignamente", matiza Xesús Mazaira.
A queixería transforma actualmente 800 litros de leite ao día e fai tamén algo de nata e manteiga. Os seus produtos están presentes en varios países europeos e no Canadá e proximamente chegarán aos Estados Unidos.