A ortodoncia é unha alternativa para axudar a solucionar a apnea do sono
Segundo os expertos, a ortodoncia mellora a respiración dos pacientes
As innovacións tecnolóxicas melloraron as posibilidades de tratamento, como o uso da tecnoloxía 3D e a intelixencia artificial
A apnea obstrutiva do sono pode producir, ademais de fatiga e somnolencia diúrna, problemas cardiovasculares e maior risco de deterioración cognitiva
Este venres celebrouse o Día Mundial do Sono. O tempo que lle dedicamos a durmir e a calidade dese sono son uns dos piares que fan que mellore moito a vida das persoas. A apnea obstrutiva do sono é un trastorno respiratorio moi común.
"A apnea obstrutiva do sono é unha alteración respiratoria que fai que pola noite nos espertemos porque non respiramos ben, o cerebro detéctao, espértanos, sen que sexamos conscientes, non temos unha calidade do sono adecuada e iso pode pasar varias veces durante a noite", di Juan Carlos Pérez Varela, ortodoncista e presidente da Sociedade Española de Ortodoncia.
Case un terzo da poboación ten alteracións do sono e moitos non o saben. Pode afectar a nenos e adultos. Para diagnosticala hai que poñerse en mans dun otorrino ou dun pneumólogo.
Segundo os expertos, a ortodoncia é unha alternativa para mellorar a respiración e axudar a solucionar a apnea do sono.
"Agora hai moitas evidencias científicas sobre que os ortodoncista actuando sobre os maxilares, sobre todo ensanchando o maxilar superior cunha serie de aparatos... ou incluso en adultos con cirurxía ortognática melloramos moito as vías aéreas e os pacientes comezan a respirar moito mellor", engade.
As innovacións tecnolóxicas melloraron as posibilidades de tratamento, como o uso da tecnoloxía 3D e a intelixencia artificial.
A apnea obstrutiva do sono pode producir, ademais de fatiga e somnolencia diúrna, problemas cardiovasculares e maior risco de deterioración cognitiva.
