Os logopedistas piden potenciar a atención temperá para os nenos
A atención temperá, que vai de 0 a 6 anos, resulta fundamental para atender os rapaces con trastornos de desenvolvemento comunicativo
As familias deben acudir aos especialistas en canto detecten algún problema cos nenos
Os profesionais piden un plan integral de actuación para achegar este servizo á maior parte da poboación
Un neno que con dous anos non fala ou ten problemas para relacionarse podería indicar que algo non vai de todo ben. Por iso os logopedistas, recomendan que as familias non o dubiden e acudan canto antes a un profesional.
"No momento en que os pais teñan algunha dúbida ou sospeita de que algo non vai ben é moi recomendable consultar co seu pediatra e que el derive a estes servizos de atención temperá", aconsella Patricia Freire, logopedista en Curtis.
Unha das reivindicacións dos pais cando detectan un trastorno de desenvolvemento nos seus fillos é non saber o que facer. Porén, a atención rápida e profesional é fundamental para abordar o problema.
"Non sabes por onde tirar. Xa tes bastante medo para que non te asesoren, pero a min asesoroume a miña pediatra, despois falando coa xente do SAT (servizo de atención temperá), xenial. Vexo moitos avances no neno", relata Jessica Moledo, nai dun neno de tres anos con dificultades na fala.
Este sábado, en Santiago, o Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia celebraba unha mesa redonda na que se reivindicaba a atención temperá aos nenos con estas problemáticas, pero tamén un plan integral de actuación para espallar este servizo, de carácter público.
"Apostamos porque haxa un plan xeral de intervención de atención temperá, e que se unifiquen os criterios para que todos os nenos, independentemente da zona onde vivan, poidan ter unha intervención igualitaria", reivindica Diana Gándara, a presidenta do Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia.
Os profesionais din que un 65 por cento das poboacións carece dun servizo de atención temperá de referencia, polo que moitas familias, sobre todo do rural, non poden desprazarse aos lugares onde existen nin acceder á oferta privada. Por iso reclaman uns estándares mínimos para garantir unha intervención equitativa e de calidade.