Intercambiar a casa durante as vacacións, unha alternativa en auxe
Plataformas como Home Exchange experimentaron un incremento do 45 % no último ano
O troco reduce de forma significativa os gastos da viaxe e permite unha experiencia máis inmersiva
Intercambiar a casa durante as vacacións é unha opción que ten cada vez máis adeptos. Quen escolle esta alternativa asegura que todo son vantaxes. A máis evidente, o aforro.
Falamos cunha familia coruñesa de cinco membros que pratica o troco de casa desde hai dez anos para coñecer mundo. Percorreron xuntos a costa leste dos Estados Unidos, contemplaron o espectáculo dun volcán en erupción en Islandia e coñeceron a sensación de frío extremo do Círculo Polar Ártico.
"Son destinos que para viaxar unha familia de cinco requiren un esforzo económico importante. Así é máis doado", explica Javier Martínez.
Reciben cada semana entre vinte e trinta convites para trocar as casas. Nunca tiveron unha mala experiencia. O intercambio reduce significativamente os gastos e fai a experiencia máis confortable.
"Non é o mesmo chegar a un hotel que chegar a unha casa con cociña, dormitorios, salón... Moitas veces intercambias coas familias, xogos, bicicletas...", engade.
A mesma opinión ten Marta Lamas, veterana de Home Exchange, plataforma que nun ano rexistrou un incremento de intercambios do 45 %. Ela valora especialmente a experiencia inmersiva que proporciona esta opción de viaxe.
"Os anfitrións fanche partícipe da súa propia experiencia na cidade. Entón, coñeces o lugar non como turista senón como un local. Esa é a chave", comenta.
Ao regreso de cada viaxe raspa o país visitado no mapa do mundo que ten na cociña. A semana que vén collerá un avión con destino a Romanía. Visitará Italia, Marrocos e Francia antes de que remate o ano.