Publicador de contidos

Publicador de contidos

Polémica polas gardas farmacéuticas na comarca do Ribeiro

Polémica polas gardas farmacéuticas na comarca do Ribeiro

As dúas farmacias de Ribadavia solicitan un novo reparto de gardas para non asumilas todas

As do rural néganse porque o consideran un trastorno para os usuarios

G24.gal 25/04/2025 14:04

Separadas por apenas uns metros están as dúas farmacias de Ribadavia. Son as que asumen as gardas de toda a comarca do Ribeiro. Por terceiro ano consecutivo, solicitaron que se repartan, pero as farmacias do rural non están dacordo.

"Vostede come a carne, non lle pode deixar o óso aos demais. Ten que facer a garda porque hai farmacia para turnarse e no rural non", di Luis Milia, farmacéutico e alcalde de Carballeda de Avia.

Consideran que as farmacias de garda deben estar no mesmo concello que o PAC para reducir desprazamentos dos usuarios.

"Para nós é moito mellor aquí que ter que ir a Carballeda ou a Melón"

"Ir a Melón unha fin de semana ou un domingo? Xa temos que ter coche, polo menos"

"A min paréceme ben, que non estean sempre as mesmas de garda, por exemplo, Beade, Melón, Arnoia..."

"O centro de saúde está aquí. Se a farmacia está noutro lado, non te atenden no mesmo sitio", comentan varios usuarios.

Tamén alegan os farmacéuticos do rural que, ao teren moita menos poboación que Ribadavia, non están tan abastecidos de medicamentos. "Ribadavia ten cinco mil habitantes, a media no Ribeiro é 1.100, Beade ten 300... Se lle toca Beade, hai un 80% de posibilidades de que non teña o medicamento en stock", explica Milia.

As farmacias de Ribadavia rexeitaron facer declaracións. Remítennos ao Colexio de Farmacéuticos, que é o responsable da distribución anual das gardas e que xa tomou unha decisión: deixar as cousas como están.

Santiago Leyes Vence, presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense: "Intentamos buscar solucións intermedias, pero, ao non atopar algo mellor, decidimos que a situación actual é a máis apropiada".

Sempre queda, din, a posibilidade de propoñer outra solución no próximo reparto de gardas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos