Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detidos tres veciños do Grove e investigados outros tres por roubos en domicilios

Detidos tres veciños do Grove e investigados outros tres por roubos en domicilios

Os investigadores deron con eles a raíz das gravacións efectuadas polas cámaras de seguridade dunha das vivendas afectadas

G24.gal 25/04/2025 13:09

A Garda Civil do Grove (Pontevedra) detivo tres veciños desta localidade, con antecedentes policiais, como presuntos autores de varios roubos con violencia en domicilios e locais, e pertenza a grupo criminal.

Ademais, hai outros dous investigados, un por receptación e outro como cooperador necesario, na chamada Operación Carretilla.

Un dos autores foi identificado grazas ás gravacións das cámaras de seguridade dunha das vivendas afectadas. A partir de aí, os investigadores puideron identificar o resto de compoñentes do grupo e os seus domicilios, para proceder á súa detención.

Un dos sospeitosos fora detido recentemente como presunto autor dun delito continuado de roubo con violencia, polo método do tirón, a persoas de idade avanzada.

Nesta investigación a Garda Civil contou coa colaboración da Policía Local do Grove. As dilixencias e as persoas detidas serán postas ao dispor do xulgado de instrución de Cambados.

"Sensación de inseguridade"

O subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada, trasladou a súa felicitación á Garda Civil por este operativo, que levou a solucionar un problema puntual "con prontitude e eficacia", e permitiu recuperar boa parte dos efectos subtraídos en domicilios e establecementos hostaleiros. Igualmente, confirmou que os detidos son "persoas ben coñecidas policialmente".

"Comprendo que nun lugar tranquilo e moi seguro como é O Grove, uns feitos extraordinarios, por leves que sexan, poden producir certa sensación de inseguridade, pero sempre falamos de inseguridade percibida e subxectiva, que ten que ver pouco coa realidade", sinalou Losada.

O subdelegado lamentou "o intento dalgunhas formacións políticas de sacar tallada nun exercicio de oportunismo".

Finalmente, avanzou que o próximo 8 de maio celebrarase unha Xunta Local de Seguridade, solicitada polo alcalde do Grove antes destas detencións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade