Publicador de contidos

Publicador de contidos

O roubo nunha igrexa da Pobra do Caramiñal podería ter por obxecto un ritual satánico

O roubo nunha igrexa da Pobra do Caramiñal podería ter por obxecto un ritual satánico

Levaron parte do brazo dun anxo e obxectos menores, mentres que deixaron outros de maior valor

Os autores do asalto nocturno á igrexa de Santo Isidoro de Posmarcos, na Pobra do Caramiñal, levaron parte do brazo dun anxo da imaxe da Purísima
G24.gal 23/04/2025 14:22

O sancristán da igrexa barbancesa de Santo Isidoro de Posmarcos encontrouse este domingo á mañá coa sorpresa da porta lateral aberta e coa pechadura rebentada. Pensou que estaría ante un asalto como o de hai dez anos en que levaran material valioso e deixaran importantes estragos. E, xa dentro, foi descubrindo que non eran roubos comparables.

"Todo revolto e a roupa no chan, e xa pensamos que sería máis, pero, dentro do malo, non fixeron moito mal", di Manuel González, sancristán de Santo Isidoro de Posmarcos.

Na primeira inspección da igrexa comprobou que aos petos de esmola nin lles tocaran, e que a cruz parroquial, de prata, estaba no seu sitio. Iso si, onda o altar faltaban outros dous elementos: un o caldeiro da auga bendita e a caixa na que se gardaba a chave do sagrario.

"Levaron iso e nada máis, e un rosario que tiña a Virxe de Lourdes. En fin, cousa moi rara, moi rara. Xa temos aí a cruz que non levaron, e iso estráñanos moito, que non levaran esas cousas", sinala o sancristán.

E a sorpresa maior chegoulles cando a Garda Civil fixo a súa inspección. Foi cando observaron que a un dos anxos da Purísima lle faltaba parte dun brazo e que non estaba por ningures.

"Foi a Garda Civil a que se deu conta diso. Eles din que posiblemente sexa algún rito satánico ou iso. Pero, ben, é o que opinan eles. A verdade é que isto para vendelo non ten posibilidades, digo eu", afirma Manuel González.

O sancristán desta igrexa da Pobra do Caramiñal reitera durante a conversa con nós que estamos ante un roubo raro e de finalidade estraña.

"Tamén levaron unha caixiña de prata en que se gardaba a chave do sagrario. Son cousas raras que pasaron", conclúe o sancristán.

E agora, coa dúbida de se a hipótese do ritual satánico é sostible ou a evolución das pescudas o descartan como móbil do roubo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade