O calote do alugueiro chega a Galicia
Os estafadores colgan anuncios fraudulentos en portais inmobiliarios coñecidos
Piden datos persoais ou un depósito para reservar a vivenda antes de vela
Atopar alugueiro accesible é unha misión case imposible nestes días, e os estafadores sacan proveito da situación. A través dos portais inmobiliarios máis coñecidos colgan anuncios fraudulentos con imaxes de pisos reais. Ofertas moi atractivas que fan de gancho para que os interesados reserven vivendas sen chegar a velas.
"Cando os interesados contactan, eles sempre van poñer unha escusa para non ensinala, como que están no estranxeiro ou fóra da cidade. Pediranlles datos de antemán como a copia do DNI, a nómina e mesmo un depósito de cartos para reservar, porque tamén dirán que hai moita xente interesada", explica Inés Amor, voceira da Policía Nacional.
Recuperar ese depósito de cartos será practicamente imposible. Pero máis perigoso aínda é o roubo dos datos, xa que con eles poden suplantar a identidade da vítima. Só coa copia a cor do DNI poderían pedir un crédito ao seu nome.
"Esa suplantación da identidade pode levar a posteriores delitos durante meses, e poden facer moitas cousas con eses datos. Poden abrir unha conta bancaria, poden pedir tarxetas de crédito e usalas, mercar teléfonos de alta gama, coches a prazos, etc", engade a voceira.
Comprobar a fiabilidade do anuncio, nunca alugar a cegas nin adiantar cartos nin datos para a reserva son algunhas das recomendacións dos axentes. E se caen na estafa, o mellor é poñer denuncia na policía e advertir no banco do sucedido.