Nace o Consello Galego de Intelixencia Artificial, un órgano asesor para impulsar a IA en Galicia
O obxectivo, segundo o conselleiro de Facenda, é axudar a Administración a aplicar a intelixencia artificial con "eficacia e seguridade"
Corgos anima os seus integrantes a achegar melloras na planificación, xestión e avaliación das políticas públicas

O Consello Galego de Intelixencia Artificial constituíuse este venres, en palabras do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, como "un primeiro paso para garantir un uso proveitoso da intelixencia artificial" en Galicia.
O seu papel será o de asesoramento e impulso desta tecnoloxía na comunidade galega, con carácter de máximo órgano colexiado de participación pública, privada e de coñecemento.
O conselleiro animou aos seus integrantes, no acto, na Biblioteca América do Pazo de Fonseca, a achegar melloras na planificación, xestión e avaliación das políticas públicas en materia de intelixencia artificial.
Durante o acto, Corgos afirmou que este novo organismo axudará a Administración autonómica a desenvolver unha intelixencia artificial adaptada ás necesidades específicas de Galicia, para "mellorar a calidade de vida das persoas", o respecto aos seus dereitos fundamentais e a creación de riqueza e emprego.
Asesoramento estratéxico para desenvolver a IA con "eficacia e seguridade"
Este asesoramento "estratéxico" permitirá reforzar, segundo a Xunta, o reto de desenvolver e aplicar a intelixencia artificial con eficacia e seguridade.
Xunto coa lei aprobada hai un mes no Parlamento, "Galicia fortalecerá a súa administración cuns servizos públicos máis áxiles, personalizados, accesibles e seguros", asegura Facenda.
Nesta liña, resalta que o Consello traballará tamén na identificación de "posibles barreiras e desafíos" no deseño de sistemas de intelixencia artificial.
Na segunda metade desta década, a xuízo da Xunta, Galicia "xa está en condicións de adoptar as tecnoloxías de alto impacto, como o é a intelixencia artificial, para adaptala ás necesidades específicas da comunidade".
Así mesmo, lembra o "éxito colectivo" de que fose Galicia a elixida para acoller a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial.