Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un morto e tres feridos nun ataque con coitelo nun instituto de secundaria francés

Un morto e tres feridos nun ataque con coitelo nun instituto de secundaria francés

O ataque foi cometido por outro alumno de 15 anos, que foi retido polos profesores do centro antes da chegada da Policía

Dispositivo policial diante do centro en que tivo lugar o ataque (REUTERS/Stephane Mahe) Dispositivo policial diante do centro en que tivo lugar o ataque (REUTERS/Stephane Mahe)
G24.gal 24/04/2025 15:01

Un estudante morreu e outros tres resultaron feridos este xoves nun ataque con coitelo cometido por outro alumno de 15 anos nun instituto de secundaria na cidade francesa de Nantes (oeste), informaron as autoridades.

A vítima mortal é unha alumna. Un dos feridos está moi grave, mentres que os outros dous están menos graves, indicaron medios locais.

O autor do ataque atacou a alumnos de dúas clases antes de ser desarmado e retido por profesores do centro que o entregaron á Policía, que procedeu á súa detención.

"Todo o mundo entrou en pánico", declarou unha alumna, mentres que outro estudante explicou que entenderon que pasaba algo grave ao ver a outros compañeiros chorando.

O incidente ocorreu nun instituto privado de secundaria, Notre Dáme de Toutes Aides, onde tamén estuda o autor do ataque.

O centro foi rodeado pola Policía e os servizos de urxencias e as autoridades enviaron un equipo de asistencia psicolóxica para os alumnos e o persoal do centro.

O autor do ataque non estaba radicalizado nin tiña antecedentes policiais, senón un perfil máis ben depresivo, apuntaron fontes da investigación á radio pública France Info.

Os ministros do Interior, Bruno Retailleau, e de Educación, Élisabeth Borne, están a viaxar a Nantes.

Segundo indica o diario rexional Ouest France, varios alumnos indicaron que recibiron esta mañá un estraño correo electrónico dunhas vinte páxinas que fora enviado por outro estudante. Aínda non está confirmado se se trata do autor do ataque.

O texto titulábase "A acción inmunitaria" e sinalaba entre outras cousas que "a revolta é a maior vitoria que podemos alcanzar", apunta a información.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade