Ultrasons e barreiras olfactivas para afastar o xabaril das estradas
Os vehículos da Garda Civil de Tráfico levan instalados uns chifres para espantar os animais
Malia as medidas adoptadas, a sinistralidade con xabarís segue en aumento
Un chifre contra corzos e xabarís, é o sistema que empregan nos coches e motos da Garda Civil de Tráfico para espantaren os animais.
"É coma un chifre no que o aire, ao entrar por un lado e saír polo outro, emite un ultrasón moi molesto para os animais, que evitan achegarse aos coches", explica Juan Carlos Nogueiras Iglesias, capitán xefe do Destacamento de Tráfico de Ourense.
A efectividade non está garantida, pero o seu baixo custo, ao redor de dez euros, faino viable á hora de combater un problema grave nas estradas galegas.
"O accidente que non se produce é moi difícil de constatar. Pero nós, que facemos milleiros de quilómetros ao mes, temos escasas incidencias con animais", di Nogueiras.
Desde as administracións probaron con distintos sistemas, desde os valados e pasos canadenses á instalación de repelentes olfactivos ou prismas reflectores para espantar os animais das estradas, pero o problema segue indo a máis.
"Barreiras olfactivas ou repelentes, pero o xabaril é un animal que se acostuma moi fácil a todo ese tipo de cousas. Non ten depredador e cada vez hai máis, así que a medida pasa por reducir a súa poboación", lamenta David Llorente Rey, xefe provincial de Tráfico en Ourense.
Actualmente, hai unha media de dez accidentes ao día en Galicia con xabarís implicados.