Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aparecen entre 40 e 50 cadáveres na prisión siria de Seidnaya, situada ao norte de Damasco

Aparecen entre 40 e 50 cadáveres na prisión siria de Seidnaya, situada ao norte de Damasco

O director do Observatorio Sirio de Dereitos Humanos asegura que "a maioría dos corpos eran de execucións recentes"

Al-Julani anuncia que perseguirán e castigarán os criminais de guerra do réxime de Al-Assad responsables das torturas do pobo sirio

O Goberno mantén operativa a Embaixada española en Damasco e ábrese a máis evacuacións dos cidadáns que o desexen

Os equipos de rescate rastrexan a prisión siria de Seidnaya na procura de presos que continúan aínda desaparecidos (Reuters) Os equipos de rescate rastrexan a prisión siria de Seidnaya na procura de presos que continúan aínda desaparecidos (Reuters)
G24.gal 10/12/2024 08:41 Última actualización 10/12/2024 13:59

En Siria, os equipos de rescate atoparon este martes entre 40 e 50 cadáveres na prisión de Seidnaya, situada a uns 30 quilómetros ao norte de Damasco, segundo informa o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos.

O director desta ONG indicou nunha conversa telefónica que "a maioría dos corpos eran de execucións recentes".

Segundo Amnistía Internacional, o cárcere era xestionado pola Policía Militar siria e albergaría entre dez mil e vinte mil opositores ao réxime de Bashar al-Assad, que eran sometidos a brutais torturas, segundo transcendeu tras un motín rexistrado no ano 2008.

Cinco equipos de rescate inspeccionaron onte "todas as entradas, saídas, condutos de ventilación, sistemas de rede de sumidoiros, tubaxes de auga, cableado eléctrico e cables de cámara de vixilancia", pero de momento "non atoparon probas de celas secretas ou sotos non descubertos".

Os rescatadores atoparon onte 15 cadáveres de civís que foran sometidos a "brutais torturas". Hoxe afirman que son xa entre 40 e 50. As operacións de rescate comezaron pouco despois de que os insurxentes tomaran a capital siria.

"Non dubidaremos en esixir responsabilidades aos criminais implicados na tortura do pobo sirio"

O líder da coalición insurxente que derrocou o deposto presidente sirio Bashar al-Assad asegurou este martes que perseguirán os "criminais de guerra" e darán a coñecer pronto unha listaxe cos seus nomes.

Nun comunicado, Ahmed al-Shar'a, máis coñecido como Mohammad al-Julani, explicou que ofrecerán "recompensas a aqueles que proporcione información sobre altos cargos militares e de seguridade implicados en crimes de guerra".

"Non dubidaremos en esixir responsabilidades aos criminais, asasinos, oficiais de seguridade e do exército implicados na tortura do pobo sirio", asegura. "Perseguiremos os criminais de guerra e reclamarémosllos aos países aos que fuxiron para que reciban o seu xusto castigo".

O domingo, os insurxentes declararon "libre" Damasco, e o presidente sirio Bashar al-Assad fuxiu a Moscova, onde permanece asilado xunto á súa familia.

A Embaixada española en Damasco segue aberta 

O Goberno mantén operativa a Embaixada española en Damasco e ábrese a máis evacuacións dos cidadáns que o desexen. O primeiro contixente chegou ao Líbano por vía terrestre nas últimas horas.

O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, explicou, ao remate do Consello de Ministros, que, polo de agora, a única vía de saída do país é a terrestre, dado que o aeroporto da capital siria continúa pechado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade