Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alcoa conta con ter en xuño ofertas vinculantes de compra para San Cibrao

Alcoa conta con ter en xuño ofertas vinculantes de compra para San Cibrao

Xunta e Goberno emprazáronse a pechar un acordo de confidencialidade con Alcoa para unha comunicación entre compañía e ambos os executivos "no exame de ofertas" e "seriedade de empresas"

O comité remarcou que non van modificar o acordo de viabilidade asinado nin tampouco vai permitir "que Alcoa acceda ao depósito financeiro"

G24.gal 04/04/2024 13:21 Última actualización 04/04/2024 14:51

Alcoa trasladou na reunión de seguimento deste xoves que prevé ter a mediados de xuño ofertas vinculantes de compradores do complexo industrial de San Cibrao, no concello de Cervo. Ao termo do encontro en Madrid, o comité de empresa informou de que Alcoa expuxo que xa comezaron os contactos con potenciais compradores, polo que a compañía estima que a mediados de maio haberá ofertas non vinculantes, as cales serán vinculantes a medidos de xuño.

Así, Alcoa presentoulles unha situación financeira a cinco anos con liñas de actuación para garantir a viabilidade, nun contexto en que se augura que na segunda metade do ano rematarían os fondos e poderíase chegar a considerar unha posible situación de insolvencia.

Pola súa banda, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, explicou que se pediu "concreción" á compañía nos prazos desa venda, polo que a empresa puxo o horizonte de xuño para as ofertas vinculantes. Mostra o "compromiso" da Xunta para "acompañar, examinar e axudar" para conseguir "seriedade" e "solvencia" no comprador. 

Xunta e Goberno emprazáronse a pechar un acordo de confidencialidade a próxima semana con Alcoa para unha comunicación entre compañía e ambos os executivos "no exame de ofertas" e "seriedade de empresas" que sexan posibles compradoras.

Cumprimento do acordo

Entre outras cuestións, a empresa pediu unha flexibilización do rearranque das cubas en función da viabilidade, demandou usar o depósito de garantías para compensar perdas, referiuse a un atraso no investimento do forno de ánodos ata 2026 ligado á viabilidade da operación e apostou por un programa de baixas voluntarias.

O comité remarcou que non van modificar o acordo de viabilidade asinado nin tampouco vai permitir "que Alcoa acceda ao depósito financeiro". "Os diferentes mecanismos dos gobernos deben participar e garantir o proceso de venda. É vital que o proxecto de construción do forno de cocción de ánodos se inicie canto antes para garantir a carga de traballo das empresas auxiliares e para a viabilidade da empresa a longo prazo", asegura o comité nun comunicado.

Os representantes dos traballadores requiren a creación inmediata dunha mesa técnica que aborde a urxencia das tramitacións das ampliacións da balsa de lodos (DBR) e parques eólicos, con técnicos de ministerios de Transición Ecolóxica e Industria, así como das consellerías de Industria, Medio Ambiente e Sanidade da Xunta.

Pola súa banda, Lorenzana expón que tanto o comité como a Xunta emprazaron a Alcoa a que "continúe no cumprimento do acordo" e execute os investimentos, principalmente o forno de ánodos, que "son imprescindibles para garantir viabilidade e competitividade da fábrica".

A conselleira avisa de que é "moi importante" que se cumpra coa "garantía económica feita para que se poida cubrir ese investimento no caso de que non se chegase a realizarse", ademais para un futuro comprador que "colla a compañía na mellor das condicións posibles". Deixa claro que estarán "vixiantes" para que se garanta o "mantemento" da actividade industrial e postos de traballo.

A secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, explicou que "se abriu unha nova opción que é a que puxo a empresa encima da mesa que é unha posible venda de Alcoa a calquera outra empresa".

Subliña que Xunta e Goberno analizarán o proceso de venda, no que o Ministerio de Industria vai "participar activamente".

"Si que deixamos claro por parte do Ministerio de Industria que hai unha condición importantísima e é que o futuro comprador, se é que o hai, ten que ter moi claro unha vocación de permanencia", asevera Torró, de forma que a produción "siga en Galicia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade