Rueda confía en que o 2022 haxa un "Xacobeo pleno de 12 meses"
Reclamoulle ao Goberno central que "concrete" que partidas inclúe nos orzamentos xerais do Estado para a celebración do segundo Ano Santo
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, confía en que o 2022 haxa un "Xacobeo pleno de 12 meses" e reclamou ao Goberno central que "concrete" que partidas inclúe nos orzamentos xerais do Estado para a celebración do segundo Ano Santo.
Foi na súa comparecencia no Parlamento de Galicia deste martes onde reivindicou "a importancia que dá" a Xunta de Galicia ao Xacobeo e reprendeu ao Goberno que o plan nacional Xacobeo non deixa de ser un anuncio".
O vicepresidente primeiro destacou que no proxecto dos Orzamentos Xerais non se ve "absolutamente nada que teña que ver" coa celebración do Ano Santo.
"Nós necesitamos certezas e saber onde está ese diñeiro", agregou. Tamén se queixou que non teñan "nin un só reflexo" nos PXE as partidas destinadas a rehabilitar bens de interese cultural dos camiños de Santiago, nin tampouco "se sabe nada dos compromisos do Real Padroado" celebrado na capital galega o pasado 25 de xullo coa presenza do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. "Non teñen a día de hoxe ningún reflexo nos ozamentos xerais do Estado. Gustaríanos saber cales son para poder empregalos, non para outra cousa", destacou Rueda.
Na súa comparecencia, a petición propia, no Parlamento de Galicia, Rueda destacou as cifras turísticas deste 2021. Afirmou que ao longo deste ano, 3,2 millóns de viaxeiros visitaron a comunidade e que houbo 7,1 millóns de pernoitas. Con estes datos subliñou que Galicia é a terceira comunidade na recuperación de viaxeiros, só por detrás de Cantabria e Asturias.