Máis de 350 incidencias en Galicia por chuvia, vento e inundacións
Máis de 350 incidencias en Galicia por chuvia, vento e inundacións
Unha tromba de auga colapsou en minutos Santiago
O temporal deixa un regueiro de incidencias na provincia de Pontevedra
A borrasca deixou en Galicia entre o mediodía do mércores e o deste xoves máis de 350 incidencias, entre elas inundacións en vías e anegamentos en vivendas, así como caídas de árbores que dificultan a circulación.
Ademais, aínda que sen feridos, o 112 informou de que se produciu un accidente no quilómetro 29 da AP-9, á altura de Fene, onde un coche sufriu unha saída de vía por mor dunha bolsa de auga e chocou contra unha mediana.
No seu conxunto, as peticións de axuda ao 112 Galicia nas últimas horas estiveron relacionadas coa presenza de árbores e ramas nas vías de circulación ou cos traballos dos servizos de emerxencias para previr riscos maiores, como o apontoamento de muros e tellados.
En concreto, os datos recolleitos polo 112 entre o mediodía deste mércores e o desta xornada reflicten 369 incidencias provocadas polas intensas choivas e o vento que afectan á comunidade, na que permanecen activos varios avisos de nivel amarelo e laranxa.
Deste xeito, as árbores e pólas supuxeron 131 das incidencias rexistradas no 112 Galicia, seguidas das inundacións e bolsas de auga nas estradas (60), prevención de riscos (47 casos), inundacións de rúas (34) e anegamentos en vivendas (16).
As provincias máis afectadas pola acción dos ventos e das choivas son, con diferenza, A Coruña (168) e Pontevedra (145). As de Lugo e Ourense, con 38 e 18 respectivamente, non sufriron con tanta intensidade os efectos da meteoroloxía adversa. Santiago e A Coruña foron os concellos máis afectados. De feito, na capital galega un desbordamento puntual afectou as piscinas do Tambre.
Nas últimas horas, na Coruña, segundo datos facilitados polo Concello, produciuse acumulación de auga na Rúa Gambrinus, onde se abriron sumidoiros para desaugar e normalizouse a situación. Tamén houbo acumulacións de auga e que desatascar sumidoiros en varias rúas e rotondas. Así mesmo, na Rúa Xenebra houbo que restituír a tapa de rexistro que saltara por fórzaa da auga.
Ademais, estase en prealerta controlando os accesos ás praias, que está previsto pechar esta mesma tarde.
En canto aos parques, do mesmo xeito que noutras cidades, pecháronse na pasada xornada por alerta amarela por ventos e esta mañá decidiuse manter o peche 24 horas máis a expensas de como evolucione a situación. Ademais, permanecen pechados os parques infantís.
Tamén en Vigo rexistráronse balsas de auga en diversos puntos da cidade, con inundacións tamén nesta xornada, e a caída dunha rama de grandes dimensións sobre unha motocicleta estacionada na tarde deste mércores na rúa Anduriña, causándolle danos.
Na pasada xornada, ademais, a deputada do PP Ana Vázquez difundiu imaxes no seu perfil da rede social X dun voo no que viaxaba de Air Europa, que partiu de Madrid pasadas as 19:30 horas e aterrou en Vigo, que foi alcanzado por un raio.
"Quero dar as grazas á tripulación do avión de hoxe de Air Europa que viña con destino Vigo e que fomos alcanzados por un raio. A súa profesionalidade fixo que aterrásemos ben. Grazas. Casualmente ía gravando o momento do impacto, foi un estrondo tremendo. Inesquecible", manifestaba.
A tromba de auga que colapsou en minutos Santiago
Rotondas que parecen océanos, rúas transformadas en ríos, e escaleiras en fervenzas... Son as impactantes imaxes que Babet deixa en Santiago, a cidade máis afectada pola borrasca. Pouco antes das sete da tarde unha tromba de auga descargaba ata 34 litros por metro cadrado en cuestión de minutos.
A peor parte levárona os condutores. Na rotonda das Fontiñas a Sar, varios coches quedaron atrapados e unha muller e o seu bebé tiveron que ser rescatados.
Os sumidoiros non deron abasto entre a auga, as follas e o barro. Hoxe de novo os bombeiros regresaban a achicar a rotonda. Uns metros máis abaixo, a piscina do Sar permanece pechada ata novo aviso. A rúa parecía un acuario desde dentro da instalación e as arquetas acabaron colapsando.
"Xa limpamos os vestiarios e a recepción de lodo e auga e estaría dispoñible, o problema que estamos tendo é que se anegaron a sala de máquinas e os cadros eléctricos e estamos aínda avaliando os danos antes de abrir", explica Antonio Antelo, xerente do Multiúsos do Sar.
Os equipos de emerxencia traballaron arreo para atender incidencias como a caída deste muro do Seminario Menor de Belvís. Mentres, preto da Praza Roxa, a auga chegaba ata os xeonllos aos peóns. Entrou en baixos e locais coma este supermercado. Esta mañá os comerciantes buscaban volver á normalidade entre cubos e fregonas.
Tamén na zona vella a auga entrou en locais e deixou imaxes que inundaron, literalmente, as redes sociais. Malia as incidencias, e para sorpresa de moitos composteláns, non houbo que lamentar danos físicos.