Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os veciños piden solucións tras outro asolagamento na parroquia carballesa de Entrecruces

Os veciños piden solucións tras outro asolagamento na parroquia carballesa de Entrecruces

A auga entra en varias casas e provoca numerosos estragos

Levan tres anos con problemas de inundacións polo estado dunhas tubaxes que se atoan coa sucidade

Rúa anegada na parroquia de Entrecruces, Carballo
G24.gal 09/01/2025 16:51

O temporal causou estragos este mércores na parroquia carballesa de Entrecruces, onde a auga anegou as rúas e mesmo chegou a entrar en varias vivendas.

A peor parte foi no lugar da Granxa, na parroquia carballesa de Entrecruces, onde a estrada provincial acabou convertida nun río. Co paso das horas, esta volveu á normalidade, aínda que non sen deixar estragos en varias vivendas. Algúns dos veciños perciben danos nos electrodomésticos e nos portais das casas, entre outras cousas.

A auga, procedente dun regato, baixaba con intensidade pola vía cara ao río Taboada, e mesmo chegou a tirar parte do muro dunha casa.

A veciñanza di que non é a primeira vez que ocorre. Non nesta intensidade, pero o certo é que levan tres anos con este problema, pois parece que as tubaxes son pequenas e a sucidade acaba atascándoas.

Yolanda Varela, presidenta da asociación de veciños San Xens, di que o problema vén "de moito tempo atrás" e que coas chuvias abundantes destes días as tubaxes acabaron de tupir. Varela indicou que desde o concello se prometeu "levantar eses tubos e facer unha ponte nova" o antes posible.

Os veciños miran con preocupación xa as previsións para o venres pois aínda non avaliaron todos os danos deste asolagamento.

Piden unha solución urxente e efectiva á Deputación, responsable da vía, pois temen que o vivido estes días volva suceder.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade