Unha liña de turbonada foi a responsable do intenso temporal deste mércores
Unha liña de turbonada foi a responsable do intenso temporal deste mércores
Este fenómeno prodúcese cando hai un choque brusco entre masas de aire frío e cálido, e non é habitual
A liña de turbonada identifícase por choiva torrencial, vento intenso e baixada das temperaturas nun espazo curto de tempo
Esta xoves á mañá os servizos de limpeza de Santiago afanábanse en retirar os restos de lodo nas rúas máis castigadas pola choiva torrencial de onte.
O que pasou este mércores por Galicia foi unha liña de turbonada, que afectou en maior medida á comarca do Barbanza e de Santiago. Este fenómeno prodúcese cando na fronte hai un choque moi brusco entre masas de aire frío e cálido.
"Esa fronte asociada a unha borrasca bastante profunda era moi estreita, era unha fronte moi activa pero de pouca dimensión espacial, e isto significa que esa diferenza de temperatura se producía tamén en moi pouco espazo co cal os movementos verticais se viron favorecidos e cando hai movementos verticais moi fortes pois se poden producir o que tivemos na xornada de onte", explica Juan Taboada, meteorólogo de MeteoGalicia.
En apenas 10 minutos caeron en Vigo e Santiago 12 litros por metro cadrado, unha choiva torrencial acompañada de refachos de vento moi intenso e dunha caída das temperaturas.
"Nese cuarto de hora foi demasiado, coma se viñese unha tromba, foi desastroso", apunta unha veciña de Boiro. "Foi tremendísimo, sobre todo de madrugada, as ventás movíanse todas, as persianas", conta unha muller de Santiago
Para os meteorólogos é difícil predicir con anticipación cando se vai formar unha liña de turbonada.
"Non é un fenómeno tan propio, digamos, tan habitual de Galicia, aínda que si, non é, nin moito menos, a primeira vez que o vemos", conclúe o meteorólogo.