As empresas alimentarias de Galicia garanten o seu compromiso coa sostibilidade
As empresas alimentarias de Galicia garanten o seu compromiso coa sostibilidade
Enerxías renovables, transporte sostible, xestión da auga, envases reutilizables e solucións circulares son algúns dos ámbitos en que traballan
O Clúster Alimentario de Galicia analiza o papel das empresas agroalimentarias na transición verde. Producir de xeito sostible, valorizando residuos e reducindo a pegada ambiental.
O cambio climático está mudando todo, con vagas de calor e secas que afectan directamente ao sector agroalimentario. O desafío das empresas que queren ser sostibles está aí.
Victor Viñuales, director executivo de ECODES explica que teñen dous retos "reducir as súas emisións e adaptarse a un cambio climático que xa está aquí. Porque antes a sostibilidade era cousa de xente alternativa e agora é a alternativa. As empresas que non vaian por ese camiño quedarán na cuneta".
As empresas galegas están investindo moito neste proceso. Hai que reducir o impacto ambiental e as empresas teñen que incorporar nos seus procesos enerxías renovables, transporte sostible, mellor xestión da auga, envases reutilizables e solucións circulares.
Estefanía Iglesias, directora de sostibilidade CAPSA LARSA di que se "está traballando moito cara a residuo cero. Tratando de que os subprodutos se convertan en produtos de valor, que non vaian ao vertedoiro e sexan valor e engadido para outros procesos".
Buscan producir de xeito saudable e sostible para poder competir no mercado. Andrés Rodríguez, prresidente Clusaga, di que "a distribución está empezando a facer a súa compra en base a estes criterios. O que pasa é que o investimento inicial é moi elevado, mesmo a aprendizaxe de como se produce doutro xeito é moi elevada ao principio. Co tempo, as empresas van aprendendo e son capaces de facer as cousas dun xeito máis acoutado, máis barato".
É unha obriga tamén porque o regulamento público e o financeiro deixarán de apoiar os que non aposten pola transición verde.