As sete familias do Parlamento Europeo: así se organizan os grupos da Eurocámara
As sete familias do Parlamento Europeo: así se organizan os grupos da Eurocámara
Os eurodeputados non se agrupan por nacionalidades, senón por afiliacións políticas
O grupo máis numeroso é o do Partido Popular Europeo, con 176 membros do total de 705 deputados que ten o PE, seguido pola Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas, con 139
Actualmente o Parlamento Europeo (PE) ten 705 deputados elixidos nos 27 estados membros da Unión Europea (UE). De entre eles 59 eurodeputados exercen a representación española, que nas próximas eleccións pasarán a ser 61. Só Alemaña, Francia e Italia teñen máis.
Os deputados do PE non se agrupan por nacionalidades, senón en función da súa afiliación política e reúnense en grupos políticos. Na actualidade hai 7 grupos no Parlamento Europeo.
Para constituír un grupo é necesario contar con 23 eurodeputados e ter representación de polo menos a cuarta parte dos estados membros da UE. Os deputados teñen prohibido pertencer a máis dun grupo político.
Partido Popular Europeo
O grupo do Partido Popular Europeo (Demócrata-Cristiáns) é o partido maioritario no PE. Ten 176 membros.
A súa orientación centrodereita e conservador. O seu actual presidente é o alemán Manfred Weber. Entre os partidos que o integran destacan a CDU alemá, Forza Italia ou Republicanos de Francia.
Este grupo ten 13 eurodeputados españois, todos eles membros do PP.
Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas
O grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo é o segundo con máis eurodeputados: 139 en total.
É de orientación socialdemócrata, de centroesquerda. A súa presidenta actual é a española Iratxe García, e entre os partidos que toman parte deste grupo están o SPD Alemán, ou PDI italiano.
21 eurodeputados españois pertencen a este grupo, todos eles por parte do PSOE.
Renew Europe Group
O Renew Europe Group (RE), Renovar Europa, ten 102 eurodeputados.
A súa tendencia política é liberal-democráta. Entre os seus membros destacan os 17 da República en Marcha de Emmanuel Macron.
9 eurodeputados españois están integrados neste grupo, 8 de Ciudadanos, e 1 do PNV.
Os Verdes/Alianza Libre Europea
O grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea conta con 72 eurodeputados.
É posiblemente o máis difícil de definir ideoloxicamente, variando atendendo á procedencia dos seus membros, aínda que si se pode situar na esquerda, e en defensa do ecoloxismo e o dereito á autodeterminación dos pobos.
3 eurodeputados deste grupo foron elixidos en España: 1 polo Bloque Nacionalista Galego e 2 por Esquerra Republicana de Catalunya.
Conservadores e Reformistas
O grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos ten 69 eurodeputados.
A súa tendencia política é de dereita e extrema dereita. Avogan pola reforma radical da UE ou incluso polo euroescepticismo. Destacan entre os seus membros os 10 de Fratelli d’Italia de Meloni.
Por parte de España 4 eurodeputados integran este grupo. Os 4 de Vox.
Identidade e Democracia
O grupo Identidade e Democracia ten 58 eurodeputados.
É o grupo situado máis na estrema dereita no PE. Toma parte del, por exemplo, Agrupación Nacional (Francia) de Marine Le Pen, ou Alternativa por Alemaña. O Chega portugués, que non ten representación actualmente, pero cóntase con que obteña nas próximas eleccións seguramente se integre neste grupo.
Non hai eurodeputados españois neste grupo.
Conservadores e Reformistas e Identidade e Democracia levan tempo traballando nunha posible fusión ou alianza, e en varias ocasións celebraron actos nos que amosaron a súa sintonía. A súa posible alianza quizais só se vexa dificultada polas diferenzas entre algúns dos seus membros sobre a guerra entre Rusia e Ucraína.
Esquerda
O grupo da Esquerda no Parlamento Europeo-GUE/NGL ten 37 eurodeputados.
A súa orientación é de esquerda. Moitos herdeiros dos tradicionais partidos comunistas tanto do bloque occidental europeo como o PC de Portugal, como do bloque do leste.
6 eurodeputados españois intégranse neste grupo. 4 de Podemos, 1 de IU, 1 dos Anticapitalistas. Todos eles concorreron ás eleccións de 2019 baixo a coalición Unidas Podemos Cambiar Europa.
Non inscritos
52 eurodeputados non se inclúen en ningún destes sete grupos e figuran como non inscritos.
3 dos seus membros foron elixidos desde España na lista de Junts.