Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Parlamento alemán aproba unha moción para pechar as fronteiras cos votos da ultradereita

O Parlamento alemán aproba unha moción para pechar as fronteiras cos votos da ultradereita

A moción chama a introducir de forma permanente controis fronteirizos e a rexeitar sen excepcións os estranxeiros indocumentados

G24.gal 29/01/2025 18:32

A Cámara Baixa do Parlamento alemán aprobou este mércores unha resolución non vinculante proposta polos conservadores encamiñada a pechar as fronteiras aos demandantes de asilo, un texto que saíu adiante cos votos da ultradereita, no que os socialdemócratas do chanceler Olaf Scholz condenaron como a "ruptura dun tabú".

Un total de 348 deputados votaron a favor da resolución presentada pola unión de democristiáns e socialcristiáns bávaros (CDU-CSU) por mor dun ataque con coitelo con dous mortos a semana pasada, mentres que 345 se pronunciaron en contra e dez se abstiveron.

A moción chama a introducir de forma permanente controis fronteirizos e a rexeitar sen excepcións os estranxeiros indocumentados, aínda cando expresen a súa intención de solicitar asilo, en contravención do Dereito europeo, e a deter de forma indefinida as persoas pendentes de deportación, entre outras medidas, que se presentaron en plena campaña electoral.

No duro debate parlamentario previo, anunciaran a súa intención de apoiar a proposta os liberais —antigos socios de coalición de Scholz—, a ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) e a esquerda populista da Alianza Sahra Wagenknecht (BSW), mentres que os socialdemócratas, os Verdes e A Esquerda votaron en contra.

Unha segunda moción dunha vintena de puntos para incrementar as competencias das autoridades co obxectivo de reforzar a seguridade interior, que tamén fora introducida por CDU-CSU, foi rexeitada con 509 votos en contra.

Inmediatamente despois da votación, o xefe do grupo parlamentario socialdemócrata, Rolf Mützenich, falou dun "punto de inflexión" na política alemá e afirmou que ao aceptar os votos da ultradereita por primeira vez para obter unha maioría parlamentaria, os conservadores abandonaran o "centro democrático".

O líder e candidato democristián, Friedrich Merz, indicou pola súa banda que "lamentaba" que se lograse unha maioría cos votos de AfD, pero asegurou que era o deber do resto de partidos democráticos non "evadir a súa responsabilidade" e facer posible un compromiso sen o concurso da ultradereita.

Hai tan só unhas semanas Merz rexeitara taxativamente calquera tipo de cooperación con AfD, pero por mor do ataque da semana pasada en Aschaffenburg, perpetrado por un afgán solicitante de asilo que apuñalou un neno de dous anos e un home de 41 nun parque, anunciou un endurecemento da política migratoria que impoñería sen compromisos como xefe de Goberno, aínda cos votos da ultradereita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade