Publicador de contidos
Publicador de contidos

Basilio Otero, presidente da Federación de Confrarías: "É un día agridoce"

Basilio Otero, presidente da Federación de Confrarías: "É un día agridoce"

A redución da cota de pescada "é un xerro de auga fría para a frota"

"Tentaremos lidar co que temos"

G24.gal 14/12/2021 10:10

Xa a bordo dun tren logo de permanecer en Bruxelas durante a longa negociación dos totais admisibles de capturas (TAC) para os pescadores europeos, o presidente a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, o burelense Basilio Otero, atende as preguntas da Televisión de Galicia e resume o acordo finalmente acadado: "É un día agridoce".

Otero cre que que a redución pactada dun oito por cento das capturas de pescada do Sur é "un xerro de auga fría" para a frota, "un problema para o sector e  para o relevo xeracional", di. O representante das confrarías quéixase de que esta especie sofre recortes ano tras ano.

"Aféctalle sobre todo ao arrastre e ás artes menores en Galicia", explica. Ademais, "as frotas de volanta ou palangre de fondo son moi dependentes".

Na parte positiva, ademais do incremento nas capturas de xurelo e de peixe sapo, Basilio Otero explica que "a multa por sobrepesca de bonito doutros países que nos impuxeron este ano vánnola devolver se facemos un axuste un pouco razoable".

Así, o representante das confrarías di que "intentaremos lidar co que temos como fixemos outros anos". O sector do mar, di "é resiliente, adaptámonos ao que nos deixan pescar", e engade que "non podemos facer unha xestión empresarial normal porque o que podemos producir nos vén marcado desde fóra".

Nese sentido, Otero di que "tentaremos ser sostibles economicamente porque ambientalmente xa demostramos que o somos".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade