Benzema amósalle a Mbappé a maxia do Bernabeu
Benzema amósalle a Mbappé a maxia do Bernabeu
Mbappé sementou o terror na defensa branca, marcou un gol e anuláronlle dous
Co Real Madrid contra as cordas, apareceu Karim para marcar tres goles nun cuarto de hora e clasificar o seu equipo
Outra noite máxica do Bernabeu con Benzema ao rescate. O francés amosoulle a Mbappé o feitizo do Real Madrid coa Champions marcando tres goles cando ninguén daba un peso polo equipo branco.
Durante unha hora de partido Kyliam Mbappé sementou o terror sobre o céspede. Cada aparición do dianteiro do PSG era unha ocasión de perigo. Marcou tres tantos. Dous deles anulados por fóra de xogo. No 39 do primeiro tempo marchou como un foguete desde o seu campo, encarou a Alaba e furou a Courtois. O público do Real Madrid asistía abraiado a unha exhibición da que agardan sexa a súa estrela a vindeira temporada.
Ninguén imaxinaba como a eliminatoria podía dar un xiro. E aconteceu no 61. Un erro monumental de Donnaruma, que xogou a ser Beckembauer, permitiu que o Real Madrid empatase o encontro. A partir dese momento, o PSG desapareceu e emerxeu a figura de Benzema. O "padriño" deportivo de Mbappé repetiu no 76. Non lle chegaba con mandar o partido á prórroga porque no 78 aproveitou un pase maxistral de Modric para poñer o 3–1 que mete o Real Madrid nos cuartos e demostra que o diñeiro do PSG non o pode todo.
Se cadra o destino quixo que esta eliminatoria decidida por Benzema precipite os acontecementos que leven ao monstroso Kylian ao Real Madrid como sucesor do xenial Karim.