Un Soriano decide en Burgos (0-1)
O gol de Mario Soriano permítelle ao Deportivo gañar no campo do Plantío
Vitoria do Deportivo no campo do Burgos, que lle permite distanciarse dos postos de perigo. Un solitario gol de Mario Soriano a vinte minutos do final permitiulle gañarlle a un rival que levaba cinco xornadas sen perder.
O primeiro tempo non pasará á historia, cos dous equipos moi seguros en defensa e sen profundidade en ataque. O Deportivo dominaba o coiro pero case non pisou con perigo a área burgalesa. No equipo local un par de lanzamentos de Edu Espiau incomodaron a Helton.
Cambiou a decoración no segundo tempo cun Deportivo máis ambicioso. Avisou Barbero no 48 obrigando a Cantero a facer unha grande intervención. O ex do Rácing tamén estivo moi atinado para desviar un remate de Yeremay no 53. Era o cadro coruñés o que ameazaba e acabou dando no 70 nunha acción de Ximo Navarro rematada por Mario Soriano.
Tiña vinte minutos por diante o Burgos para lograr o empate e comezou a arriscar, algo que abriu o partido. Lucas, suplente no encontro, tivo o segundo nunha falta directa e Álex Sancris puido empatar pero salvou Helton.